mércores, 15 de decembro de 2010

SOCIALDEMOCRACIA SECUESTRADA

Xa chegou: tanto atizar o lume dos recortes sociais na vella Europa que, por fin, os gobernantes dos países desenvolvidos atrevéronse a cercenar conquistas que con tantos anos de loitas e de esforzos obtiveron as clases traballadoras. Cando ninguén dubida de que a crise actual está provocada pola insaciable voracidade do capitalismo, ¿que fai a socialdemocracia europea e mundial? Nada.
A socialdemocracia, a alternativa ao comunismo e ao capitalismo que apareceu logo da II Guerra Mundial, respectando por unha banda a liberdade individual e, pola outra, garantindo a igualdade de oportunidades reais e o benestar social dos cidadáns, quedou reducida na actualidade a unha entelequia. Parécese cada vez máis á dereita que predica por todas as partes liberdade económica e baixos impostos. ¿Como facer fronte a esta situación?
É algo que corresponde aos Gobernos e partidos políticos de esquerdas, sindicatos de clase e movementos alternativos que, unidos en organizacións supranacionales, dean resposta ao armazón económico-financeiro e político que a nivel mundial ten montado o capitalismo: banca privada, fondos de investimento especulativos, paraísos fiscais, axencias de cualificación corruptas, SICAV e outros instrumentos de enxeñería financeira. Hai que facelo sen violencia, pero tamén con firmeza, para pór a recado a todos a aqueles executivos que realizan e permiten estas tropelías e, mentres tanto, fanse de ouro recibindo indemnizacións millonarias.
M.R.

Ningún comentario: