martes, 21 de decembro de 2010

UN ESCÁNDALO

O anuncio das xubilacións anticipadas de ao redor de 11.000 empregados de Caixas de Aforro é un escándalo. Fálase de xubilacións de traballadores, nalgúns casos, de 50 e 52 anos, que se irán a caso co 95 por cento de soldo. Son -din- expedientes de regulación de emprego para reducir persoal e facilitar as fusións destas entidades bancarias con outras co fin de reaxustar un sector especialmente afectado pola crise financeira e os errados de tantas e tantas insensatas aventuras inmobiliarias.
As caixas non son entidades privadas como os bancos. Os seus Consellos de Administración son designados por políticos e sindicalistas. E, aí está a raíz do escándalo. ¿Por que? Pois porque noticias como esta coinciden con outras que recordan a conxelación das pensións da xente corrente ou a retirada da prestación de 426 euros aos parados de longa duración, por non falar da consolidación de privilexios tales como soldos millonarios durante anos, coches oficiais, secretarias, etc, dos que se van a beneficiar algúns políticos cesantes (Montilla, Benach, etc), ou decenas de deputados -de todas as cores- que polo feito de cubrir dúas lexislaturas teñen dereito a cobrar a pensión máis alta.
Di o Artigo 14 da Constitución que todos os españois son iguais ante a lei. O que non di é que algúns son moito máis iguais que outros. Por iso falo de escándalo, por non empregar outra palabra máis forte.

Ningún comentario: