luns, 17 de xaneiro de 2011

MOZOS PARADOS E TRABALLADORES VELLOS

O escritor alemán H. M. Enzensberger sentenciou a principios dos noventa que as sociedades ricas occidentais sofren de "bulimia demográfica": por unha banda esixen unha constante subministración de man de obra (especialmente para aquelas tarefas que os nativos van rexeitando), mentres ao mesmo tempo idean trabas para frear o fluxo migratorio. O conglomerado que forman o mercado de traballo e o sistema de seguridade social vai camiño de adquirir esa mesma condición bulímica: necesita dar entrada a nova man de obra nova e rebaixar a idade media das plantillas, pero simultaneamente a inminente reforma do sistema de pensións manterá aos traballadores máis anos nos seus postos, o que tapona a entrada de novos asalariados mozos e eleva a idade media dos empregados.
O mercado laboral pide alimento, pero o sistema de pensións quere adelgazar, co cal teremos persoais envellecidos e máis paro xuvenil. Hoxe resulta difícil soster a inviabilidade demográfica do sistema de pensións nun país cunha taxa de desemprego superior ao 20%, todo un continxente de potenciais cotizantes que por agora son tan perceptores como os xubilados.
Pero a solución que nos propón para o envellecemento demográfico é de natureza maltusiana, coma se estivésemos no século XIX: posto que a poboación pensionista crece máis que os recursos dispoñibles para sostela (as cotizacións), fagamos que diminúa o número de xubilados. É evidente que a alternativa sería incrementar os recursos necesarios para o sostemento dunha poboación perceptora crecente. Esta opción require cambios profundos no sistema de financiamento das pensións, no sistema fiscal e tamén nun mercado de traballo incapaz de ocupar a toda a poboación activa. Pero non se vai a facer. E no futuro, se ninguén o remedia, teremos sociedades bulímicas, plenas de mozos parados e traballadores vellos. Sociedades máis enfermas e, posiblemente, máis conflitivas.

Ningún comentario: