mércores, 2 de febreiro de 2011

SALARIOS OBSCENOS

Fai uns días aparecía a noticia de que o máis alto directivo dun banco español gañara en 2010 algo máis de cinco millóns de euros. Isto é só unha mostra, pois hai algún outro que se embolsa ao redor dos 12 millóns. Se en tempos podemos dicir normais son cifras xa de escándalo, nos actuais de profunda crise, con boa parte da poboación pasando notables apuros non xa por chegar a fin de mes, senón no día a día, resultan absolutamente obscenos. Ademais, descoñécense os méritos de tales afortunados, pois as súas entradas e saídas non producen ningún movemento significativo na marcha das entidades que formalmente xestionan sen ser propietarios. Aos poucos o mundo occidental vaise achegando ao chamado Terceiro Mundo, onde un puñado de familias manexan á seu antollo a economía e a política do país sen apenas pagar impostos. Nos anos setenta, as diferenzas salariais en empresas de primeira liña como bancos ou enerxéticas podían chegar de 1 a 30 entre o mínimo e o máximo soldo na mesma compañía. Hoxe esas diferenzas chegan a cincocentas veces ou ata máis. Xa sabemos o que está pasando no Terceiro Mundo, pero, por favor, xa que somos incapaces de reducir esas obscenidades teñamos o decoro de tapalas. Pero, claro, a riqueza hai que alardeala e restregarla na cara do sufrido cidadán. Caladamente non ten graza.
C. de F.

Ningún comentario: