martes, 1 de febreiro de 2011

A XERACIÓN ESTAFADA

Teño 35 anos e podería ser peor. Podería ter 25, ó 20, e así entrar de cabeza nesa xeración estafada á que lle cambiaron o dereito a unha vivenda digna e un emprego estable pola Playstation III. Déronnos gato por lebre, hiperespacio a cambio de espazo, e por iso non me estraña que a lei Sinde enfade máis aos mozos que o recorte das pensións ou a reforma laboral. asumimos o noso destino, aceptamos o noso lugar.
En toda Europa, de norte a sur, repítese que os mozos de hoxe pasarán á historia como a primeira xeración que vivirá peor que a dos seus pais desde a II Guerra Mundial. En Europa é un drama; en España é unha traxedia nacional. ¿Mileuristas? Máis quixesen. O 43% dos menores de 25 anos en España nin traballa nin estuda. Nin ten nada nin aspira a nada. A nada de nada, a merda ao cadrado, é o presente e o futuro para catro de cada dez.
Vanme a perdoar que non celebre o exitoso consenso nacional pero, francamente, non teño humor para brindar. Miro a mesa daqueles que pactaron elevar aos poucos a xubilación aos 67 e nin un só deles, por idade, terá que traballar tres anos e medio máis para retirarse aos 65 con toda a súa pensión. Pero non culpo aos sindicatos, podería ser moito peor. É preferible o acordo ao decretazo; é bastante mellor tamén o que pactaron que a proposta inicial do Goberno. Neste país resignado e asustado, é dubidoso que os sindicatos tivesen marxe para máis. Pero perder por menos nunca é unha vitoria. Por moito que se adorne, o pacto non deixa de ser un importante recorte na contía e a duración das pensións que pagarán os de sempre, os máis débiles: esa mesma xeración que mañá non poderá xubilarse e hoxe non pode traballar.

Ningún comentario: