sábado, 12 de marzo de 2011

VELOCIDADE E CONSUMO

É sabido que o máximo da produción de petróleo foi nos anos setenta. A partir de agora, o petróleo é máis difícil de extraer, máis complicado de refinar (porque é de peor calidade) e máis escaso. Xa que logo, cada vez será máis caro. A poboación mundial e a necesidade de enerxía aumentan a pasos axigantados, e moito máis a raíz do crecemento de países emerxentes: case todos os de América Latina, Indonesia, India, China, case nada... Con estas perspectivas futuras, xa a curto prazo, os países han de empezar sen demora, se queren sobrevivir ao futuro, unha redución drástica de consumo enerxético a todos os niveis. Calquera redución é válida, desde o coche particular ata o gran transporte na estrada e aéreo; desde a redución de velocidade ata os límites de temperatura de aires acondicionados e á iluminación ineficaz de edificios e autoestradas.
Canto máis se tarde en tomar as decisións adecuadas e reestruturar as nosas políticas enerxéticas e de transporte, máis se padecerá no futuro. A industria debe modificar os seus obxectivos cara a produción e transporte sostibles. Cara aí deben dirixirse as subvencións estatais, os beneficios de grandes entidades e bancos e parte do noso I D. Ou nos pomos as pilas das renovables e reducimos consumo drasticamente, ou acabaremos dependendo da forza dos pedais, que, por certo, tamén hai que potenciar

Ningún comentario: