luns, 25 de abril de 2011

AS MENTIRAS DE NUÑEZ FEIJÓO

Corría o inicio do curso político de 2009 e aqueles días en que o candidato Feijóo pedía perdón en nome da política e prometía rexeneración democrática na súa xira por Galicia, camiño da presidencia da Xunta. O 14 de xaneiro daquel ano electoral, coa residencia de Monte Pío ao fondo e desde a Praza do Obradoiro, o líder do PP asinou ante cámaras e micrófonos o "manifesto pola prosperidade e benestar dunha Galicia unida e aberta".
O "contrato integral" que rubricou co pobo galego establecía "un compromiso moral e persoal" do candidato Feijóo coa rexeneración democrática. Xa no programa electoral, o Partido Popular detallaba a letra pequena deses magnos compromisos que os populares contrastaban co comportamento do bipartito.
No que incumbe aos medios de comunicación, Feijóo denunciaba que socialistas e nacionalistas "converteron as políticas de comunicación e imaxe institucional en políticas de publicidade e propaganda exercitada sen ningún tipo de control". O bipartito, lamentaba entón o PP e o seu presidente, "prometeu ao principio da lexislatura a Lei de Publicidade Institucional e, porque non se puxeron de acordo, nin sequera chegou a ser discutida no Parlamento".
Sen rastro da lei: Como alternativa, os populares propuñan na súa biblia de campaña "unha política de comunicación institucional e non partidista". Para logralo, comprometíanse a lexislar cun obxectivo claro: "A política de axudas aos medios de comunicación debe ter un soporte legal, como sucede na maioría dos países europeos". O Partido Popular galego vaticinaba que, ao chegar ao poder, "as convocatorias de axudas dirixidas aos medios de comunicación" faríanse "de acordo coa Lei de Publicidade e Comunicación Social dá Xunta, e sempre con transparencia".
Dous anos despois de que Feijóo regresase pola porta grande ao Goberno galego, non quedan sequera os ecos daquela proclamas. Tampouco hai rastro daquela ansiada lei que equipararía a Galicia coas democracias europeas avanzadas. E mentres, a Xunta de Alberto Núñez Feijóo segue pagando aos medios de comunicación a cambio de que publiquen noticias favorables, como fixeron todos os Gobernos galegos -tamén o bipartito- desde que Manuel Fraga patentase a fórmula.

Ningún comentario: