martes, 19 de abril de 2011

OS FALCÓNS DO DÉFICIT

Aqueles aos que o nobel de economía Paul Krugman chama falcóns do déficit non perdoan. Sacralízano ata o infinito, poñendo a países, sociedades e gobernos baixo a bota do crédito bancario. Co incondicional apoio de Jean-Claude Trichet, o presidente do BCE, en quen a señora Merkel ten tódalas compracencias, como vén de demostrar unha vez máis encarecendo o prezo do diñeiro. Nada importa que coa medida algúns dos estados membros da UE vexan aínda máis negra a súa saída do túnel, no que os seus cidadáns permanecen inxustamente bloqueados. Cos seus gobernos e cos seus gobernantes baixo sospeita, vítimas primeiro e á fin cómplices obrigados, sometidos como se viron ao si ou si das insaciables esixencias deses mesmos bicharracos. Por caso, o de Zapatero: malia estar pagando moi cara a confianza que parece ter conseguido coxunturalmente nos mercados, recibe dos seus colegas máis rabiosamente neoliberais esta nova afrenta. Fará máis difícil o presaxiado remonte.
Despois de Irlanda e Grecia, Portugal. Unha acción concertada, que tivo nos banqueiros lusos a man que se encargou de apretar o nó da soga que desde hai meses rodeaba o pescozo de Sócrates, xa desahuciado, polo que acabou recramando o osíxeno en forma de rescate. É un dicir. Todo o que comportou para os casos grego e irlandés, e todo o que imos sabendo en relación co caso portugués, o que se entende por rescate non é precisamente unha maneira de compartir solidariamente a cobertura das urxencias máis extremas, senón a máis decidida evidencia dunha intervención en toda regla. O Fondo de garantías europeo reembolsará altos dividendos despois de cobrar a prezo de ouro os intereses do préstamo. Todo un negocio a conta das penurias que padezan os cidadáns por mor dun esixido plan de austeridade que rebasa amplamente o que, por ser rexeitado no Parlamento, forzou a caída do goberno e a intervención da UE.
Todo polo déficit, nada polo emprego. Contra o que recomendan algúns dos máis reputados expertos económicos, o citado Krugman entre eles, os falcóns non fan outra cousa que impoñer a austeridade que nunca se esixiron a si mesmos, nin tampouco a bancos e banqueiros polos que tan ben atendidos sempre se sentiron. Pero todo está resultando fallido. O sucedido en Irlanda pode confirmalo. Cantos afirmaban que a austeridade de cabalo que se lle impuxo, cos conseguintes recortes de gasto, eliminarían os temores sobre a súa solvencia, predecindo unha rápida recuperación económica, quedaron desmentidos: o tipo de interese da débeda irlandesa acabou dupricada, disparándose a taxa de paro ata o 13,5%. Portugal pasará polo mesmo trauma.
Do que se deduce que, por máis que entre nos códigos xenéticos do capitalismo rampante, nas neuralxias da parella Merkel/Sarkozy e nas perversas fidelidades do superbanqueiro Trichet, sacralizar o déficit e sacrificar o gasto só beneficia en tempos de crise aos que máis teñen. Como tamén se deduce que, xustificando no seu nome a batería de medidas que baleiran de contido a capacidade dos Estados máis febles, dos seus gobernos e das súas institucións políticas á hora de decidir alternativas non lesivas para os dereitos básicos das súas cidadanías, é a trampa do século. A que, polo demais, reafirma a Europa de dúas velocidades. Ou sexa, a morte do proxecto europeo.
L.A.P

Ningún comentario: