sábado, 16 de abril de 2011

PRIMEIRA CLASE

Hai noticias que saen á luz como bombas de reloxería. Os eurodiputados néganse a voar en turista e a conxelar os seus soldos e dietas. Tic tac. Tic tac. A explosión nas redes sociais, rechamante e contundente, deixa claro que pasou o tempo de calar e resignarse ante a absoluta falta de vergoña da clase política. Ata os partidos, quizá nun arrebato de lucidez estimulado pola precampaña, entenderon que o mínimo é unha explicación. E o ideal unha rectificación.
Pero os tigres nunca cambian as súas raias. Nas escusas sobra palabrería e falta humildade.
Desde o Goberno, algúns restan importancia á polémica. Non hai tanta diferenza entre voar en turista e en primeira, argumentan. Son os mesmos que animan ao uso do transporte público e ditan por lei como debemos aforrar combustible. Os que chaman á austeridade en todos os seus discursos e apelan á solidariedade para saír da crise interminable. Outros, por cordura ou por astucia, apresúranse a alzar a voz para proclamar que a dirección do PSOE non comparte a decisión dos seus no Parlamento Europeo. Será que falta comunicación con Estrasburgo. Finalmente, máis por presión social que por reflexión, intúese, os socialistas anuncian que pretenden cambiar o sentido do seu voto negativo pola abstención. Un xesto estéril por insuficiente, que só invita a pensar que pretenden acougar os ánimos. Sen intención algunha de renunciar aos seus privilexios. Sentirán quizá que a participación na recuperación económica do país acaba pasados os Pireneos.
Os populares, pola súa banda, lonxe de desculparse, insisten en que a votación só responde a un informe orientativo. Sen valor vinculante, repiten. Coma se o simulacro non servise para dar idea das súas intencións. Curiosos salvadores do país aqueles que predican contención e practican malgaste.
Mentres, o ministro de Traballo prognostica varios lustros de moderación e sensatez salarial. Seguiremos aspirando a manter o soldo en lugar de melloralo. Esqueceremos as nosas ideas insensatas de abandonar o mileurismo, de superar os contratos lixo, de chegar a fin de mes sen números vermellos. Practicaremos o malabarismo co debe e o haber mentres os prezos non deixan de subir. E seguiremos acendéndonos de rabia con políticos que levan a desvergoña a un nivel superior.
Que os eurodiputados sigan voando en business. Parece ser o único no que son de primeira clase..

Ningún comentario: