domingo, 22 de maio de 2011

CONTRA O LIBERALISMO SALVAXE

O liberalismo económico triunfante vive da especulación financeira. A pesar da recente crise, nada fundamental vai cambiar no seu modus operandi. Os bancos e outros grandes investidores seguirán gañando diñeiro a espuertas ou pedindo ao Estado que lles salve en canto haxa outra crise. O de privatizar as ganancias e socializar as perdas refírese a isto.
O liberalismo económico é, de facto, o goberno mundial. Os poderes políticos tradicionais, xa feridos pola multipo-larización e pola globalización, están en boa medida a mercé do poder financeiro.
Que se pode facer e quen o pode facer para cambiar esta vergoñosa dinámica? Non confiemos en deuses nin esperemos milagres, non desesperemos, non botemos a culpa a outros, non nos inhibamos: nós somos a arma máis poderosa.
Propoño a creación dunha axencia cidadá de rating financeiro e empresarial: aquelas entidades e empresas que máis acheguen á sociedade (postos de traballo, beneficios sociais, impostos, impacto ecolóxico...) recibirán a máxima cualificación e, xa que logo, gozarán do apoio de consumidores, investidores e cidadáns en xeral.
Pola contra, as outras recibirán o seu rexeitamento. Nin un litro de combustible nesa rede, nin unha botella de auga nesa cadea de alimentación, nin unha visita fugaz a ese país gobernado por sátrapas, nin un euro nunha conta dese banco, ningún investimento a través desa axencia, nin un minuto nesa canle de televisión, nin un contrato telefónico nesa compañía que en plena festa de ganancias vai despedir ao 20% do persoal en España.
O mundo cambiou e os poderes e mecanismos tradicionais quedaron obsoletos. Pensemos e actuemos globalmente e asumámoslo: ou facemos algo ou estaremos cada vez peor. Javier López Ariza

Ningún comentario: