sábado, 21 de maio de 2011

URBANISMO NUNICIPAL

A vida política padece dunha apatía impropia da época na que a batalla electoral xa tiña que facer correr fervenzas de tinta, pero non, iso de prohibir inauguracións e primeiras pedras pillou aos que se din representantes do pobo fóra de lugar.
Algúns pode ser que até se lancen ás peregrinacións, ben sexa como cofrades ou penitentes xudiciais, que lles vai mellor e dá máis fama saír dun xulgado que entrar en vez de tanta presentación e foto de familia, como se de unha primeira comuñón se tratase.
Boto en falta iso de cortar fitas de obras ou de maquetas, que isto si que ten o seu aquel, aínda que os políticos máis modernos presiden xa cerimonias de futuros edificios en pantalla xigante. Moito chiste para venderse, aínda que o común do votante, de ese que sae da casa coa papeleta nun peto, xa está de volta de calquera argucia.
Se hai alcaldes perennes e atemporais, é porque hai oposición caduca. Hai un concello deses que teñen mar ao lado que anda revolto polo plano do litoral e o de urbanismo. Os concelleiros que non son do goberno déronse conta agora da problemática que supón para o desenvolvemento económico a aplicación de tanta normativa regulatoria.
Pediron axuda á Fegamp, pero resulta que nese invento hai un fallo de organización debido a que non todos os concellos teñen costa e para un alcalde da montaña iso do mar non lle soa moito. Así as cousas, estes edís preocupados polos seus votantes intentaron mobilizar aos que din afectados pola lei, pero nada, so unha ducia acudiu ás asembleas informativas.
Calquera sabe que a política municipal é dun mundo aparte. Moitos concellos litorais quixeron converterse en marbellas e sanxenxos e non puideron por falta de tempo, a crise estalou antes, pero algúns están a poñer as bases para que nas próximas vacas gordas non perdan a oportunidade. A maioría dos veciños sabe que os planos de urbanismo son garabatos nun papel. Miles de liñas que non se sabe moi ben por qué fan a un millonario e ao do lado, pobre, pero que indo á xunta o alcalde xa se soluciona a afectación e esa leira pasa de rústica a edificable no próximo pleno.
Este tipo de política é o que orixina que haxa centos de candidaturas independentes por estes pagos galaicos, curiosamente a maioría están na costa e todas teñen a súa orixe nunha escisión por motivos urbanísticos, non por reclamar un centro de saúde ou unha estrada ou un aeroporto, senón pola afectación desta ou aquela parcela.
Venme á cabeza o caso dun individuo que montou un partido independente porque enfronte da súa casa deron licenza para construír un edificio que lle tapaba a vista panorámica desde a súa casa. Fixo campaña sobre o urbanismo e repañou varios centos de votos, o resto do concello e os seus problemas nin aparecían no programa electoral.

Ningún comentario: