luns, 6 de xuño de 2011

CONCIENCIA E ÉTICA

Creo que o sistema democrático é o mellor que conseguimos os cidadáns españois despois da mordaza. Tamén creo que unha democracia real non se concreta cada catro anos. Creo que hai datas na historia que serán referencia, aínda que hoxe non se perciban como un fito. Creo que os partidos democráticos son os únicos lexítimos para representarnos, aínda que esa representación estea viciada por inxusta nas proporcións e custen máis uns votos que outros. Creo ademais que os que hoxe falan por nós no Parlamento están miopes se non ven que o futuro estaba escrito xa en maio do 68, cando a imaxinación reivindicou o poder, ou en xaneiro do 77 en Atocha, ou en febreiro do 81 en todas as cidades españolas, ou cando o non á guerra (por poñer algunhas referencias máis próximas e todas espontáneas). E que están miopes se non ven que os movementos cidadáns son mareas que se lexitiman aínda que non os contemplen as súas axendas ou non o previsen os mercados.
Os indignados, creo, somos a voz dunha conciencia ética, e estes días quizais esteamos a escribir liñas da historia.

Ningún comentario: