luns, 27 de xuño de 2011

FALSOS CULPABLES

Neste país aflixido as noticias son tantas e sucédense con tanta velocidade que probablemente poucos acórdense de que a semana pasada a Asociación Española de Banca e o Banco de España volvían arremeter contra os salarios dos traballadores aos que culpan de que a economía non dea o salto para saír da crise. 
O presidente da patronal bancaria sostén que a única vía para a recuperación económica pasa por unha "depreciación interna" dos salarios e o Banco de España vai máis aló e sentenza que "o repunte dos salarios é preocupante e pon en risco a recuperación económica". 
Non alcanzo a saber se os salarios "culpables" son os dos banqueiros e altos directivos de empresa ou son os dos millóns de traballadores que cobran o salario mínimo ou andan bordeando os mil euros. 
A casualidade informativa quixo que o mesmo día que o presidente da AEB e o banco emisor facían este diagnóstico, o "Financial Times" publicaba que o soldo dos banqueiros subiu un 36 por cento no ano 2010 e situaba na elite dos mellor pagados a varios españois. Tamén está publicada a relación dos nove executivos patrios mellor retribuidos, cuns soldos que oscilan entre os 3,86 e os 10 millóns os euros, bonus aparte. E se falamos dos conselleiros executivos e principais directivos das firmas cotizadas en Bolsa, o seu soldo medio superou o millón de euros no ano 2010.
Tamén foi casualidade que o mesmo día o ministro de Traballo anunciase para o ano próximo unha subida discreta -entre o 1,5 e o 2,5 por cento- do Salario Mínimo Interprofesional, que ascende á astronómica cantidade de 641 euros ao mes. Nesa banda salarial e no "selecto clube" dos mileuristas están a inmensa maioría dos traballadores españois cuxos soldos son "culpables" do paro e do estancamento da economía española, segundo estes gurús das finanzas. Deberían apuntar noutra dirección. 
"Sóbrame mes ao final do soldo", dicía ironicamente unha pancarta dunha manifestación do pasado sábado 19 de xuño. Os cidadáns, afirma o profesor Antón Costas, "teñen razón para estar indignados por ter que cargar sobre as súas costas as alegrías dos banqueiros" que agora eluden as súas responsabilidades e demonizan aos salarios precarios e escasos dos traballadores que, a este paso, acabarán tendo que pagar por traballar. Ao tempo.

Ningún comentario: