domingo, 19 de xuño de 2011

O FALLO DA ESQUERDA

Estudian os políticos de esquerda a derrota electoral. Polo que vexo esquecen algún punto de vista nas súas analises. O primeiro é que estes políticos son vistos como xente instalada en postos moi ben pagados e desapegadas das dificultades da vida común. Desde esas alturas é imposible identificarse con quen sofre un nivel de vida moito máis cativo. Non valen de nada as declaracións retóricas de “representación das clases populares” Non poden representar aqueles que viven no luxo e nas comodidades. De políticos de dereitas xa se espera a tendencia á riqueza individual. Pero non dun político de esquerdas que se precie de tal. 
Unha reforma realista do sistema parlamentario comezaría por unha lei electoral máis representativa, por unha marcaxe do tempo nun cargo (oito anos máximo) por uns soldos razoables (¿o soldo dun mestre parécelles pouco?) e pola eliminación automática de canta empresa ou chiringuito se ten inventado para colocar aos clientes. 
Manter os soldos e dietas e outras vantaxes privilexiadas de parlamentarios, deputados e concelleiros (ademais dos centos de concellos pequenos  inviables) non é de recibo. Predicar co exemplo non é un tópico. A xente de esquerdas é sensible aos exemplos e á exemplaridade. ¿Quen pode reformar o sistema? Quen é capaz de comezar por reformarse a si mesmo. Hoxe non se ve aos políticos da esquerda como alguén  “distinto” que trae un proxecto distinto e crible.

Ningún comentario: