venres, 8 de xullo de 2011

HAI UN GALEGO NA LÚA

Resulta cando menos curiosa a forma na que os políticos captan a realidade. Do mesmo xeito en que os cerebros dun humano, unha pescada ou un sapo interpretan o mundo que lles rodea segundo a súa capacidade xenética para procesar a frecuencia e lonxitude de onda das cores, así os políticos ven isto ou aquilo segundo militen nun partido ou noutro. Ou en función de se están no goberno ou na oposición. Se non fose porque coñecemos o pano, sería desconcertante oír como o grupo que nada fixo podendo solucionar determinado asunto cando gobernaba, ao pasar á oposición asaeta ao seu adversario polo mesmo.
Tomemos como exemplo o caso dos incendios en Galicia. Levamos décadas escoitando entre os profesionais do escano mutuos reproches e acusacións de incuria, ineptitude e corrupción. Cando mandaban os uns, os outros arremetían contra eles; cando cambiaron as tornas, os outros embestían contra os uns; e unha vez que a situación muda de novo, aqueles non dubidan en ciscarse nestes pola mesma cuestión... e así seguirán ata o día no que un desafortunado fallo técnico faga caer unha nave espacial en Viana do Bolo e os seus tripulantes crean haber alunizado. Porque a este paso, iso parecerá a paisaxe galega: lunar, sempre que a cinza cubra a súa superficie. Ou marciano, cando unha vez máis se levante o maldito Nordeste e barra esa alfombra gris, descubrindo ao fin unha terra erma para os restos.
É desalentador recordar como os sucesivos e diferentes gobernos da Xunta partían arrogantes contra o lume como o xeneral Silvestre contra Abd o Krim. E todo para ao final saír co rabo entre as pernas e acabar dicindo o que din que dixo Felipe II.
Levamos décadas así. Tempo suficiente para saber cales son os resortes que desencadean este desastre ecolóxico. Pero parece que ninguén soubo dar coa clave para bloquear eses mecanismos estruturais ou conxunturais. Falouse do abandono do rural, de queimas incontroladas, de vinganzas...; intuíronse (constatáronse) intereses madeireiros e urbanísticos; cúlpase á calor e á seca, aliados dun vento de levante antipático e zumbón... E, finalmente, os pirómanos (se lles gusta o lume, que o diaño os leve).
Coñecemos entón as causas. ¿E? Pois ben, logo de gastar tempo, diñeiro e saliva, continuamos como estabamos. Non hai quen solucione este asunto. Os nosos políticos procesan a lonxitude de onda do problema como a pescada ou como o sapo. Así que teremos que seguir encomendándonos ao manitú da choiva. Ou haberá que irse esquecendo de vender verde e empezar a promocionar o gris dunha terra cuberta de cinza e cemento e, con trompetillas nas narices e as orellas, facerlles crer aos turistas que isto é a lúa e nós -os galegos- os selenitas... - J.C.L.

1 comentario:

DEMOCRACIA dixo...

Con Rajoy ya son dos.