martes, 5 de xullo de 2011

POLÍTICAS AUSTERAS

A austeridade anunciada por Feijóo na súa toma de posesión como presidente da Xunta converteuse nunha constante en todas as administracións. Primeiro foron os novos alcaldes os que se aplicaron a máxima e agora, Louzán na súa investidura como presidente da Deputación de Pontevedra. Estou de acordo. É preciso establecer un teito de gasto e eliminar todo o superfluo.
Pero o afán de austeridade, de aforro e de redución do déficit nas administracións públicas non pode impedir que os seus inquilinos esquézanse do importante, de prestar e reforzar os servizos sociais, de atender aos parados, de investir en educación e sanidade, en definitiva, de ocuparse das persoas, sobre todo daquelas que o pasan peor. Volvo ao exemplo do titular do Executivo galego. Aforro no prescindible, chámese altos cargos, asistencias técnicas ou outros incentivos, para centrarse no importante; é dicir, novas prazas de gardería, centros de día, residencias para maiores...
Creo que nestes tempos as obras faraónicas sobran e que os recursos deben reorientarse ás persoas. De nada vale conducir un Ferrari se despois non se ten para gasolina. Polo tanto, hai que priorizar e incentivar aquelas políticas que xeren valor engadido, nas propostas encamiñadas a consolidar o xa existente, a salvar da quebra a quen demostrou solvencia e agora carece de liquidez. En fin, austeridade si, aínda que ben entendida e orientada...

Ningún comentario: