xoves, 21 de xullo de 2011

SEN SENTIDO

Segundo o diccionario Xerais da Lingua, incongruencia é un feito ou afirmación sen lóxica contrario ás normas sociais. Estamos a vivir uns tempos nos que o cotián roza a miúdo os límites do absurdo. Cada día xorde un esperpento novo nunha carreira que conduce directamente a ningures.
Os que seguen son algunhas das incongruencias que están a ocorrer aí fóra neste país que aínda se chama España.
Xulguen vostedes: Xan Pobo tiña o seu piso hipotecado e digo tiña porque, como non podía facer fronte aos pagos, o banco incautoullo xunto cos cartiños que, con gran sacrificio, xa tiña aportados.
Agora resulta que, por arte do birlibirloque, ten que seguir pagando unha hipoteca de algo que xa non é seu.
Co experimento de baixar a velocidade nas estradas a 110 quilómetros por hora, aforráronse unha morea de millóns e o que é máis importante, os accidentes de tráfico reducíronse significativamente.
Pois ben, á vista dun resultado tan positivo o Goberno, esas mentes privilexiadas que preside Rodriguez Zapatero, decide volver aos 120 quilómetros por hora co previsible aumento de gasto e de mortos. Un non ten máis remedio que preguntarse para que carallo fixeron o experimento.
Como é posible que grandes empresas, cos bancos á cabeza, estean a cerrar sucursais con xubilacións salvaxes ao mesmo tempo que declaran a bombo e platillo ganancias multimillonarias?
Por que precisamente agora, nuns tempos tan difíciles como os que estamos a vivir, se derriban edificios enteiros, disque por ilegais, desaloxando e deixando sen teito a xente que leva vivindo neles máis de trinta anos?
Non será que temos os raposos postos ao coidado das galiñas?...José Bergantiños.

Ningún comentario: