venres, 22 de xullo de 2011

A TRASTENDA DOS TRAXES

O caso dos traxes entrou de cheo na axenda política, e ten tódalas trazas de ser o elemento que máis pode distorsionar a estratexia electoral do PP no camiño cara a Moncloa. É o prezo a pagar por haber consentido Rajoy que a cínica surrisa de Camps protagonizara a campaña que o reubicaría na presidencia da Generalitat valenciana. Por máis que o tenten enmascarar minimizando que no auto do xuíz instrutor se describe como un presunto “delito continuado de cohecho pasivo impropio”, aceptar regalos que teñen como obxetivo conseguir favores de quen ten unha responsabilidade pública, non poden ocultar a trastenda na que esa prenda de vestir non é máis que a punta dun enorme e corrupto iceberg. Malia que o tribunal decideu non acumular as causas, tódolos indicios apuntan a que a trama do Gürtel, comandada polo “amigo del alma”, alias El Bigotes, e polo pontevedrés Pablo Crespo, conseguiu contratos da Generalitat a cambio de vestir elegantemente a catro altos cargos públicos e de pagarlle ao PP as facturas electorais do 2007 e do 2008.
De todo iso vai a película rodada nos escenarios institucionais do Levante. Cantos demócratas empezaban a dubidar de que a poideran estrear algún día, despois de constatar durante os últimos dous anos a eficacia obstrucionista patrocinada por Génova e executada por Trillo, sábense compensados pola decisión do xuíz. Non por eles, senón pola democracia e a credibilidade institucional. Precisamente porque se está diante dun entramado de corrupción política e de inmoralidade pública de moito maior calado que o da Filesa, polo que abarca –o territorio da Comunidade de Valencia– e polo que significa, unha rama completa da clase política valenciá baixo sospeita delitiva, con acusados e imputados.
Que Rajoy opte por esconderse detrás dos seus escudeiros, que esixen para os supostos delincuentes a presunción de inocencia que hai só dous días lle negaron, sin que nin apareza citado no auto do caso Faisán, a Rubalcaba, non deixa de ser sintomático do encarcelado que está por mor do Gürtel. E máis que o estará. Unha dobre contabilidade no partido, o ocultamento ao fisco de 2,5 millóns nas eleccións do 2007, e o pago en negro de case 900.000 euros a Orange Market, a empresa da trama, a metade por conta das cinco empresas que teñen máis adxudicacións da Generalitat, como está documentado na causa que se sigue por financiamento ilegal do partido, non son pecata minuta. E aínda queda a ladronada que tivo na viaxe do Papa e en Canal Nou, a televisión que segue ignorando o auto que ordena levar a Camps e aos seus colegas ao banquiño dos acusados, a tentación perfecta.
Poñer aos votantes do 22-M de parapeto contra os que esixen, como reparación inmediata do mal cometido, que Génova force a dimisión de Camps, é democrática e xudicialmente impresentable. As urnas, por moi xenerosas que sexan cos presuntos delincuentes, non teñen poder de absolución. Só de investidura. Coas limitacións ás que obriga o código penal e ás que, por osixenación moral e ética, demanda a política. Neste caso, a dimisión do implicado. Debería entendelo Rajoy. Antes de que sexa tamén para el demasiado tarde

Ningún comentario: