sábado, 20 de agosto de 2011

AOS BANCOS, BILLÓNS... ÁS FAMES NEGRAS, MIGALLAS

Desde que teño uso de razón o chamado Corno de África e as rexións contiguas víronse azoutadas por tremendas secas que provocaron miles de mortos e condenaron á súa poboación a unha pobreza transxeneracional. ¿E a reacción internacional? Sempre morna, sempre condicionada á repercusión mediática da traxedia, sempre cicatera...
Pero hoxe en día, cando a crise financeira mobilizou dos Gobernos de medio mundo billóns de dólares para "rescatar" a bancos, entidades financeiras e Estados, constátase a verdadeira moral das democracias occidentais, máis pendentes dos seus resultados electorais e das súas conivencias cos poderosos que da morte por inanición de miles de seres humanos e a perpetuación da pobreza para millóns deles.
Estados Unidos achega miles de millóns de dólares para salvar empresas privadas e bancos, o mesmo fan países como Alemaña, Reino Unido ou Irlanda; a sempre desunida Europa mobiliza máis de 700.000 millóns de euros para fondos de rescate. Pero ¿canto diñeiro están dispostos a gastar na urxencia humanitaria do Corno de África e na súa posterior reconstrución? O máis probable é que o mínimo imprescindible para amainar os efémeros remordimentos mediáticos da cidadanía europea.
¿É esta a moral democrática que deberían demostrar as potencias occidentais sempre dadas a dar leccións pero sempre remisas á axuda efectiva? ¿Non sería hora de lograr unha ética non limitada á estreita marxe da soberanía nacional? ¿Ata cando imos mirar cara a outro lado fronte ás traxedias da humanidade?. J.R.L.

Ningún comentario: