luns, 8 de agosto de 2011

CAOS URBANÍSTICO

Non hai país que poida presumir dos niveis galegos de destrución do seu patrimonio ambiental e monumental.
Tan certo como que a costa galega é unha das máis belas do mundo éo que é unha das máis esnaquizadas. A paisaxe sinuosa das rías, a súa armoniosa cadencia de areais e cantiis, de bosques e chairos de labradío aparece agora deteriorado ata a irreversibilidade pola proliferación de vivendas, galpóns, e naves industriais en confuso desconcerto. Un pode encamiñarse á praia máis recóndita no recuncho máis oculto do litoral para asombrarse ante a degradación moral e estética que permitiu a un construtor calquera, posiblemente un veciño que considerou o areal patrimonio persoal, levantar un edificio pegado ao mar.
A tradicional dispersión da poboación naquelas aldeas que poboaban o interior, fermosas casas de pedra en xeral pegadas ao terreo, constitúen un mal soño para os encargados de velar pola prestación de servizos. Nada que ver con todo co atroz pesadelo da proliferación absurda de casas unifamiliares inacabadas, moles de vivendas insensatas e, de novo, naves industriais, de todas as formas, tamaños e cores, que salpican o territorio da Comunidade.
Ao contrario que no Levante español, onde pode achacarse o espantallo á acción duns promotores carroñeiros sumados a algúns edís sen escrúpulos, pero cun obxectivo común; a destrución da singularidade paisaxística galega vén determinada pola colaboración, en ocasións desinteresada, de todos os axentes posibles. Desde alcaldes iletrados a descarados prevaricadores; desde construtores anónimos a poderosos promotores multinacionais, todos contribuíron a xerar o inaceptable caos urbanístico que lastra as posibilidades de desenvolvemento turístico e condiciona ata a adecuada satisfacción duns servizos mínimos para os cidadáns.
Hai que ter moito para poder esnaquizar tanto e non hai país que poida presumir de semellantes niveis de destrución do seu patrimonio. Cascos históricos de nobreza antiga foron sistematicamente reconvertidos en núcleos urbanos sen personalidade, nunha acción de décadas que deteriora as posibilidades de atracción turística da Comunidade. Quizais deberían mirar á súa propia estulticia moitos dos que agora se queixan de que os visitantes tenden a quedar en Santiago.
Ante un panorama que indigna á estética e ao sentido común, a Xunta de Galicia decidiu impulsar un plan que, polo menos, intentará axustar o estilo de construción das vivendas á súa contorna. Non se trata dunha estratexia extemporánea, na medida en que xa se puxo en marcha fai decenios en moitos países da nosa contorna, aínda que posiblemente sexa insuficiente e seguramente tardía. Lamentablemente non pode aplicarse con carácter retroactivo.
Resultan por iso irritantes as críticas á nova normativa, esaxeradas e formuladas desde as bancadas dunha oposición sen argumentos. Os dirixentes do PSOE e do BNG tiveron cumprida oportunidade de endereitar o agravio e xa se sabe en que lugares e de que xeito construíron ou reconstruíron as súas propias vivendas a ex conselleira socialista do Mar ou o propio secretario xeral do PSOE, coa complicidade dos seus socios nacionalistas. As aberracións urbanísticas atópanse en todos os municipios, independentemente da cor política do seu equipo de Goberno, polo que resulta dun cinismo aterrador utilizar a cuestión, de novo, como arma política.
Queda unha vez máis claro que a cegueira dos responsables dos partidos é o primeiro escollo, e non o menos importante, para resolver un problema de consecuencias paralizantes...F.A.

Ningún comentario: