mércores, 28 de setembro de 2011

ADEUS AS CAIXAS DE AFORRO

Oín contar a un paisano que había na súa aldea un terrateniente adiñeirado que na posguerra prestaba diñeiro a cambio dunhas fianzas e intereses insoportables que as xentes necesitadas tiñan que aceptar para dar para de comer aos seus fillos.
O rico do pobo tiña a exclusiva do negocio de prestamista naquel concello rural da Galicia da subsistencia e do racionamento e exerceu o seu oficio ata que se instalou na capital municipal a primeira sucursal da Caixa de Aforros.
A caixa de aforros popularizou na localidade un modo de facer banca coa sinxela fórmula de fomentar e recoller o aforro da xente que anotaba nos populares cadernos -desde entón cada neno nace co seu caderno da caixa- e devolvíallo en pequenos reintegros e préstamos para comprar unha vaca, realizar pequenos investimentos ou cubrir necesidades vitais.
Ademais, a caixa de aforros impulsaba actividades culturais e recreativas e varios rapaces do pobo puideron ir á universidade grazas ás súas bolsas e co crédito-estudo.
Aquela pequena oficina acabou coa usura do terrateniente e salvou da exclusión financeira aos labradores, aos comerciantes e profesionais do concello que entón nin se atrevían a visitar as oficinas dos bancos instalados na cidade cuxos xestores, ocupados noutras operacións, non tiñan tempo para "perder" con xentes do rural que reportaban escasa rendibilidade.
Agora, os aldeáns ven como as caixas -a súa caixa- desaparecen e transfórmanse en bancos. É verdade que nos últimos tempos elas mesmas xogaron a ser bancos, pero non entenden que un goberno socialdemócrata, tan neglixente na supervisión, acabe con estas institucións de aforro popular que estaban tan arraigadas no territorio e desenvolvían unha inmensa labor sociocultural.
Había outras fórmulas para reformalas e pensan que a historia será severa con todos os culpables da perda da súa caixa, que foron moitos
Pero consumados os feitos, naquel concello esperan que o novo banco conserve o espírito de proximidade e servizo que tiña a caixa de aforros que tanto contribuíu ao seu desenvolvemento para que o cambio de nome e de filosofía non signifique a reaparición do terrateniente prestamista disfrazado de marca bancaria.
Por iso deséxanlle sorte e longa vida, que dinamice a economía e xere beneficios para que o que queda da caixa de aforros poida manter algo da obra sociocultural.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Muy logrado el cuentecito
Mas como en cualquier otro, cualquier parecido con la realidad no es más que una pura coincidencia.
Ahora que se acabaron las desmesuradas e inusitadas orgías en la mesa del dinero, añoraremos la obra social de esa extinta especie llamada “caja”.
Agradecerlo queda ahora a esos, los vendedores de milongónicas políticas sociales hasta que alcanzaron el poder de poder elegir, y optaron por seguir manteniéndose sólo en el poder, con el apoyo de los que tan gustosamente se lo ofreció en bandeja de plata -como la cabeza del Evangelista-; una casta sin castidad que pudo a elegir entre bombero y bombardero, y no supo escoger lo primero.