martes, 27 de setembro de 2011

A TRABALLAR COMO CHINESES

A economía mundial atravesa un dos momentos máis delicados da súa historia. Das decisións que se adopten agora dependerá o futuro de moitas nacións, ata agora puxantes e con certo peso como España e Italia. De Grecia, e ata de Portugal, é mellor non dicir nada tal e como están as cousas. A curmá de risco, da que non sabiamos nada fai uns meses, baixa e sobe ao ritmo dos luns, martes, mércores, xoves e venres negros das bolsas.
Ante esta situación, Italia recorreu a China. Berlusconi pediulle ao xigante asiático que lle compre parte da súa débeda para acougar os mercados e recobrar o alento. O que non se sabe é o interese que terá que pagar aos chineses. Cando comecen a esixir o pago do que Occidente lles debe, entón si que haberá que botarse a tremer. Media Sudamérica, ata Norteamérica, a Europa mediterránea e a que non o é teñen contas pendentes con China, ese país que non se caracteriza pola democracia, a liberdade e o respecto polos dereitos humanos.
Con todo, a súa forte economía e o seu incesante crecemento propiciaron que os líderes do vello continente, tamén do novo mundo, poñan a man para recibir o que piden e miren cara a outro lado. No momento que haxa que saldar contas virá o problema. Co estado de benestar en crise, os países terán que apertarse o cinto, recortar servizos sociais, incrementar os horarios laborais e case esquecerse da xubilación para cumprir coas obrigacións. En definitiva, haberá que traballar como chineses...

Ningún comentario: