luns, 12 de setembro de 2011

APRENDER A DESTRUÍR

Agora que comeza o curso escolar e os profesores terán que estar máis tempo no colexio sen saber que facer nin que ensinar, debería incluírse como optativa unha hora dunha materia que ben se podería chamar Renegación de Galicia I, co subtítulo de Aprendizaxe para destruír o territorio galego e a súa riqueza de modo sinxelo. Os rapaces cando deixan a ESO saen con certas ideas de desprezo ao país que conviña acelerar, ampliar e mellorar, porque os actuais, os seres galaicos maiores, esnaquizan estas terras pero con pouco xeito, sen elegancia. Así que a unha de facelo, polo menos que sexa por titulados.
Pensemos nas rías galegas e na súa utilidade. Todas están contaminadas de xeito parcial ou total e non só é debido á acción natural do mar e ao espazo intermareal, senón que centos de sumidoiros verten toneladas de residuos nelas aínda nestes tempos porque os concellos ribeiregos prefiren un aeroporto, un parque industrial ou unha universidade antes que evitar a contaminación da ría próxima. Tal vez sexa ese o problema, que a ría non baña un só municipio senón que molla a varios, de tal xeitos que un ten depuradora e o do lado verte toxinas a quilos e sen control ningún. Terá que chegar o día en que se lle explique aos seres galaicos cal foi o destino dos millóns de euros dos fondos europeos que se malgastaron en disparates e non en crear verdadeira riqueza.
Se ao problema da falta de saneamento das rías se lle engade que un delincuente calquera é quen de abrir a billa dun camión cisterna cargado de queroseno, gasóleo ou viñalar, a única solución para manter as rías produtivas e construír centrais hidroeléctricas ou cubrilas de entullo e pedras para edificar unhas urbanizacións con campo de golf e piscina e un hotel. Os únicos que se ían resentir serían os madrileños que non poderían comprar ameixas, berberechos ou minchas galaicas nos mercados da capital do Reino, pero encherían a nosa costa nos meses de xullo e agosto.
As nosas rías sofren desastres con certa frecuencia e ninguén se preocupa por evitalos. Non só uns gamberros baleiran unha cisterna, senón que até as empresas instaladas nas proximidades tampouco extreman as precaucións e á mínima provocan un vertido e moitos deles pasan inadvertidos e son cualificados como de insignificantes. O concepto de cantidade é algo que nos galaicos é relativo e vai desde un quilo até toneladas de litros.
O que antes se chamaba autoodio dos galegos agora xa é autodestrución. Hai anos se aprendía a renegar do propio cando se ía ao servizo militar ou de emigrante polo Reino, agora xa se aprende in situ. Se Castela é un deserto, pois a plantarlle lume aos montes galaicos e así até desecar as rías para que estes pagos se parezan a Azuqueca de Henares. Cada vez aprendemos máis rápido, pero peor.

Ningún comentario: