martes, 11 de outubro de 2011

ESQUERDA E DEREITA

Estamos tan volcados nas consecuencias da crise económica e na pésima xestión que dela estan facendo os gobernos do noso entorno, que todo o que non teña a ver co discurso que fai diso o monotema nacional está fóra de lugar. Despreciando o que tamén debera responder a outros moitos temores e a outras moi diferentes expectativas de futuro, fronte ás que non hai alternativas miméticas. Ignorando, xa que logo, as moi diversas maneiras de ver a realidade, e todo canto a contextualiza e interpreta, fenómeno que habemos de atribuílo á contraposición de ideoloxías, que é preciso revalidar. Traigo a colación esta miña reflexión a propósito da estratexia coa que os candidatos dos dous partidos estatais e maioritarios pensan acceder á Moncloa despois do 20-N.
Acostumbrados como nos teñen goberno e oposición a non poñer en cuestión as políticas de austeridade impostas desde a UE e os mercados financeiros, non podemos senón detectar o esvaecemento do diferencial socialdemócrata e, en consecuencia, o alineamento cos que veñen militando de vello nas teorías que fan do mercado a medida de tódalas cousas. Unha sorte de espazo neoliberal de novo cuño no que converxerían cos nativos desa ideoloxía cantos, desanclados, buscan a maneira menos travestida posible de reubicar a súa identidade. Unha viaxe que, por responder a un momento excepcional -o tempo que dure a crise-, non se a ve desde dentro co dramatismo que supoñería iniciala noutras circunstancias. Por estaren os seus na gobernación e na xestión desa crise, boa parte da esquerda socialdemócrata española viuse moralmente obrigada a asumir os mandatos da UE, producíndose entón unha mistura de natureza ideolóxica que forzosamente provoca no seu máis fidel electorado desasosego, dúbidas e moitísima abstención.
Fronte a iso, as promesas socialdemócratas que saen da Convención que o PSOE vén de celebrar en Madrid non poden ser, como quixera Rubalcaba, o bálsamo de Fierabrás. Porque, tendo até o de agora por certo que no que respecta á acción de goberno as diferenzas entre esquerda e dereita sempre foron relevantes, o sucedido durante estes tres últimos anos entre nós, e nas veciñas Portugal e Grecia, non pode senón confirmar a  mistura e as consecuencias negativas apuntadas astes.
Agás no referido a unha tímida reforma da lei electoral, ou a profundizar nas políticas de igualdade, non constatamos que dese cónclave saísen propostas que chocarían de fronte coa concepción que o PP ten das institucións, que sempre as acabou supeditando ao seu poder alí onde tivo e ten oportunidade de facelo –de acadar o control institucional que lle pronostican as sondaxes, mellor que o 20-N nos colla confesados–.
Se o principal reto político da esquerda é non permitir que as democracias sexan cada vez menos democráticas, o que teriamos que escoitar de Rubalcaba é algo co que Rajoy e o PP nunca se van a comprometer: que ante o que está sendo un  progresivo debilitamento das institucións representativas, é prioritario limitar o poder daquelas institucións que, sen estaren refrendadas directamente polos cidadáns, inflúen nas nosas vidas e deciden cusas tan importantes como a política monetaria, a xestión da nosa economía, a legalidade ou a constitucionalidade das nosas leis. A cambio de reforzar o Parlamento. Por esa vía aínda habería partido.

Ningún comentario: