xoves, 27 de outubro de 2011

O CAMBIO A DEREITA

Utilízase a palabra cambio como un talismán. Todos pretenden posuír a facultade de producilo sen dicir como. Teñen a pretensión de que, ao nomealo, cada cal borrará da súa experiencia os malos tempos presentes, abrindo unha perspectiva de futuro feliz. E o cambio feliz encárnano as mesmas persoas que hoxe nos menten, insultan gravemente aos seus rivais, carecen de respecto cara ás persoas que gobernan, utilizan os recursos públicos en beneficio propio e dos seus partidarios, amigos e parentes, negan a evidencia da deterioración dos servizos públicos en beneficio da competencia privada, desviando fondos e creándolles condicións de negocio que se sosteñen grazas a ese transvasamento, que empobrece á poboación máis necesitada, xa sexan viúvas de Castela-A Mancha, escolares de Madrid, Galicia ou Valencia, enfermos de Cataluña, dependentes de Canarias e Madrid...
¿Que cambio pódese esperar de quen recorta os dereitos e soldos alleos e multiplica os propios, de quen pon a saúde dos moitos detrás da súa propaganda ideolóxica, de quen non din que fan co diñeiro que recadan, pero deixan de pagar a factura ás farmacias e pensan xa recortar a asistencia aos parados?
É o cambio da crise financeira temporal ao terror permanente, da humillación da maior parte da poboación ao interese dos enriquecidos, que esparcen a insolidaridade e o medo como sistema de dominio, para crear un país de competidores, non de cidadáns, para dar lugar a unha España rica poboada de españois pobres, atrapados entre a necesidade e a policía.

Ningún comentario: