luns, 24 de outubro de 2011

PARA QUE VALEN

Os cidadáns estamos fartos de escoitar que, quen agora nos mandan, non teñen competencia e, xa que logo, a culpa é dos seus antecesores aquí e, máis lonxe, de Madrid... ¿Pero se non serven, para que nos valen...?
Ollo ao dato que dicía un homónimo, coñecido tamén polo butanito, para subliñar unha opinión ou unha queixa... e aquí hai datos "dabondo". Varias mostras: o señor Montoro subirá pensións, salarios e agasallos, segundo mande o FMI que é, como saben, un invento socialista.
O conselleiro de Educación culpa ao goberno de Madrid do recorte en Educación recoñecendo que, ao xa coñecido, súmanse seiscentas xubilacións... O noso inefable campión Feijoo, culpa a Madrid (Goberno, Banco de España) do asunto das caixas logo de pasarse meses xurando que tiña a solución. E os novos alcaldes culpan aos de antes, ao goberno central de agora e á Xunta de antes, de todo o malo que se move, sen recordar que, por exemplo, no Concello, o PP foi durante un cuarto de século, colaborador necesario dos acordos máis polémicos tomados baixo o reino de Francisco Vázquez. Próbano as actas dos plenos e as páxinas dos xornais...
Rajoy, no seu discurso -xa coñecido- sobre a nada, asegura que fará o que poida e o outro -o que non poida-? será culpa do seu antecesor, do "roxerío da cella" e (¿ou agora xa non?) do arxismo-leninismo pois eles, don Alberto dixit, son social demócratas de toda a vida...
O asunto, ao parecer, funciona  desde Finisterre á terra Cha, desde a desembocadura do pai Miño ata a Canda e o Padornelo, todo o que é alguén na política do PP repite o mesmo asunto: eles non mandan, non teñen competencias e non poden facer nada...
Pois, se son incompetentes, se non serven, ¿para que canastos valen...?
Arde Galicia mentres recortan salarios e material contra-incendios que, mire vostede por onde señor conselleiro, apagan os soldados do malvado Zapatero...
¡Son uns campións en montar cortinas de fume!
Por exemplo: o señor Feijóo reuniuse no seu despacho (¿hai máis luz que nunha gasolineira?) co gañador do caso "Campión" onde, como no despacho Oval, hai taquígrafos e cintas ¿?
Volvamos ao principio: Se non serven non valen

Ningún comentario: