venres, 4 de novembro de 2011

OS RECORTES

O presente ano está resultando moi distinto aos anos  anteriores.  Iniciouse entre a cidadanía un  proceso imparable  de desvelamento das realidades ocultas do sistema político vixente e das causas da crise. Foise descubrindo de vagar que a crise ten uns causantes, e que tal como continúan as cousas quizá nunca saiamos dela, aínda que digan o contrario algúns políticos para recoller votos. E a democracia marabillosa que nos quixeron vender desde a transición coñécese cada vez mellor, tamén nas súas numerosas deficiencias, e no seu carácter escasamente aberto e participativo. Esta vaga crecente de progresiva saída da inopia infantil na que vivía a sociedade consumista precedente e de toma de conciencia cidadá, nin os poderes mediáticos máis grandes son xa capaces de neutralizar con eficacia.
Para que todo iso se producise, cunha base social carente de información sólida e de ferramentas de tipo intelectual e crítico, foi necesario que esta experimentase no propio peto a desagradable sensación real de perda do Estado do benestar e o aumento da precariedade e do desemprego. Tamén é dramático por parte dos convencidos da súa pertenza á denominada clase media comprobar a destrución seica definitiva da súa vida anterior, segura e tranquila, sen que ningún dos dous grandes partidos do bipartito estatal movese un dedo na súa defensa. En só nuns cantos meses a sociedade avanzou máis en coñecemento e madurez que nos trinta e seis anos anteriores. E moitos sectores ancorados na apatía política foron engrosando desde maio as filas do  descontento e da indignación. Cando se vivía coas certezas dun mundo futuro, como pouco, nunca pior para a nosa prole que o presente, de súbito se observou en toda a crueza que os amos do mundo nun xiro histórico total nos desprazaban en caída libre cara ao inseguro e desregulado século XIX.
As novas diarias sucédense coa mesma tónica, superando cos seus datos as perspectivas menos optimistas. A Xunta, impasible, continúa aumentando os recortes e as privatizacións na educación e  na sanidade públicas, e nos servizos sociais, os tres alicerces do Estado do benestar.  O PP mantén a cosmovisión neoliberal do mundo, ao entendelo exclusivamente como un grande mercado, no que todo se pode mercar e  vender e no que único que importa é a desregulación para a maximización do lucro empresarial. Hai un ampla estrutura clientelar empresarial por detrás que cobiza os beneficios asegurados que xenerarían estes sectores esenciais en mans privadas.
Núñez Feijóo tería que ser consciente de que como Galicia conta cunhas porcentaxes grandes de poboación con idade elevada e con algún grao de dependencia, alén do seu escaso tecido produtivo e das rendas salariais baixísimas, depende máis que outras comunidades autónomas das axudas públicas. Aplicar con exceso de celo o catecismo neoliberal sobre o pobo galego, recortándolle e privatizándolle os servizos públicos esenciais, implicaría non levalo á precariedade, senón instalalo definitivamente nunha miseria radical oitocentista.  
Antes que tocaren a sanidade e a educación públicas, xa deficientes en canto á media estatal e europea, deberían suprimir as deputacións, perseguir a fraude fiscal e incrementar a fiscalidade das rendas altas. É unha falacia afirmaren que non existen outras solucións que os recortes. M.M.D.

Ningún comentario: