domingo, 4 de decembro de 2011

CORRUPCIÓN


Alguén dixo que a corrupción nacional daría para quilómetros de película. Ou sexa, que se trata de historias en busca dun guionista. E que ninguén se asuste, porque o franquismo foi tamén unha etapa na que existiu unha notable venalidade. Poderiamos remontarnos a épocas anteriores, pero comecemos co primeiro político corrupto moderno, Francisco de Sandoval, duque de Lerma. Foi primeiro ministro e valido de Felipe III e fíxose fabulosamente rico, mediante o tráfico de influencias, a venda de cargos, a aceptación de subornos e ata a especulación inmobiliaria. Salvouse de ser executado porque o Papa concedeulle o cápelo cardinalicio en 1618. Iso deu lugar a unha copla popular que non ten desperdicio: "para non morrer aforcado, o maior ladrón de España vestiuse de colorado". Tamén hai multitude de casos de corrupción nas cortes dos Austrias e dos Borbóns, pero sería prolijo enumerar tantos.
Saltemos a outro máis recente: Francisco Romeu Robledo, o cacique de Antequera, mestre na compravenda de votos. Ministro con Afonso XII, fixo todo o posible para corromper a políticos. Nada digamos de Alejandro Lerroux, "O emperador do Paralelo", que quedou co cu ao aire polo escándalo do estraperlo, que era a marca dunha ruleta eléctrica para apostar. Os empresarios deste xogo subornaron en 1934 a membros do Goberno e familiares de Lerroux. Tamén no franquismo houbo escándalos, aínda que o réxime esforzouse por silencialos. Recorden a fraude do aceite de Redondela (cun Nicolás Franco), a quebra de Sofico ou o caso Matesa, cun soado Vila Reyes no cotarro. E non deamos nomes de personaxes próximos a Franco que se enriqueceron coa especulación inmobiliaria.
Xa na democracia, escándalos financeiros e corrupción están habitualmente nos xornais: Caso Ibercorp, batifondo de Banesto por Mario Conde, asunto do "hermanísimo" Juan Guerra con proxectos de especulación inmobiliaria e ao que o Executivo concedeu en 1986 unha subvención de 146 millóns de pesetas; ítem máis: o caso Filesa, os fondos reservados, o caso Palomino, entón cuñado de González e ao que Moncloa adxudicou a dedo un contrato para electrificar o seu búnker secreto. Xa máis recentemente, a trama de Gürtel e os traxes de Camps. Queda sobre o tapete o asunto do ministro José Blanco con Dorribo, nunha gasolineira. E tamén colea o asunto do Porsche para o exdiputado popular, señor Escribano.
Quen dá máis? Continuará. Porque o de Urdangarín non está, nin moito menos, do todo claro...  E.P.M.

Ningún comentario: