xoves, 29 de decembro de 2011

CORRUPCIÓN


Alguén dixo nunha ocasión que o primeiro signo da corrupción nunha sociedade que aínda está viva é que "o fin xustifica os medios". Así nos atopamos con que a inmoralidade, a carencia de ética, a perda de valores e a falta de respecto polo outro é evidente nunha sociedade cada vez máis corrupta onde predomina o beneficio persoal a través do abuso do poder político, social, económico.
O virus da corrupción aprópiase da sociedade actual convertendo en algo habitual que un individuo sexa máis respectado canto máis corrupto sexa. A través dese abuso de poder "adquire" (aprópiase indebidamente) os bens materiais ou monetarios que son patrimonio de toda a sociedade.
Por iso a conmemoración do día internacional contra a corrupción débenos concienciar de que esta "enfermidade" non distingue entre clase social, cultura, profesión, nin entre o público nin o privado.
A corrupción empobrece a calquera país, crea diferenzas sociais, prexudica a xustiza social e aprópiase dos recursos públicos en beneficio propio.
Todo vale con tal de enriquecerse a costa do benestar xeral e ademais faise de xeito consciente coma se fose unha tradición, que nos vén de familia, pola contra, senón entras no círculo, ou es bobo ou doutro planeta.

Ningún comentario: