venres, 30 de decembro de 2011

A LEI DO EMBUDE

Resulta evidente que ao presidente da CEOE, Juan Rosell, sentoulle ben a vitoria do Partido Popular. Véselle cómodo, satisfeito, locuaz, ata diría que dicharachero. Fala con franqueza, sen necesidade de medir o que di, sen andrómenas. E así nos estamos decatando, de forma moi directa, das pretensións da patronal española. Empezou cos minijobs, os minitrabajos de 400 euros como unha das solucións ao paro xuvenil. Señor Rosell, contratos lixo é xusto o que neste país non nos falta, témolos de todos os tipos e cores, ata se traballa sen cobrar, ¿parécelle pouco minijob iso? E aínda así crece o paro xuvenil.
Logo viñeron os funcionarios, aos que hai que poder despedir pois sobran moitos. Non estaría de máis que concretase onde sobran. ¿Na educación? ¿Na sanidade?
Intentei buscar nas súas declaracións algunha alusión aos empresarios que sobran, mellor devandito que desfalcan, como os xestores de NovaCaixaGalicia ou da Caixa do Mediterráneo. Pero non o atopei. Os centos de millóns que se levaron logo de arruinar as súas empresas merecerían un comentario do presidente da patronal. E, para rematar, a conxelación salarial ata 2015. ¿Conxelación tamén do soldo dos executivos? ¿Conxelación dos beneficios empresariais?
Fálase moito da importancia dunha reforma laboral en España, pero o que este país necesita é unha profunda reforma empresarial
.

Ningún comentario: