venres, 2 de decembro de 2011

...E DIN QUE CHOVE


O devandito, completo, reza así: "mexan por nos e din que chove". E seguen, caendo como pedras, no tellado do Goberno Feijóo, noticias como esta: parados sen prestación levan meses pagando os seus medicamentos ao ter o seu cartón sanitario bloqueado a pesar da promesa do Sergas de que as reactivaría inmediatamente.
Hai testemuños avalados co nome e apelidos dos sufrintes: Tiven que pagar a vacina e grazas a que un practicacte non me quixo cobrar ou este outro: "Dixéronme que o Sergas tiña unha lista de xente que quedaba sen médico".
Mentiu Feijóo, mentiu Farjas (talvez seguindo o "Camiño"  que xustifica a santa desvergoña) ante un persoal anestesiado, sen reacción, que o mesmo "traga" co peche de comedores escolares que coa supresión doutros servizos sociais, mentres a propaganda oficial insiste en pintar de rosa o negro presente e aínda máis escuro porvir que se aveciña.
Xa hai ao redor de doce mil firmas dunha plataforma cidadá que esixe a Feijóo, a Farjas que dean marcha atrás e que emprendan a marcha a outro sitio (ou sexa: que se vaian de aí).
E, aos poucos, vannos dando a noticia doutros "campións": Cacharro Pardo, unha das figuras máis emblemática do PP galego, recibiu diñeiro negro da empresa de Dorribo, ese emprendedor ao que a Xunta regoulle algunha que outra subvención.
¿Queren outra ración? O caso Areas coñecido polo Porsche regalado a un parlamentario do Partido Popular. Agora descóbrese que ese outro "emprendedor" descargaba produtos contaminantes mentres a autoridade miraba para outro lado.
¿Máis sobresaltos? A caixa gastou o 30% dos fondos de Obra Social en ladrillo. ¿Responsabilidades?
¡Claro que si e polos trinta e moitos anos que levaban cobrando millóns (entre cincocentos e oitocentos das antigas pesetas) uns "directivos que practicaron un poder discrecional e un expansionismo sen criterios racionais", en palabras de Fernando González Laxe.
Non se trata só, que tamén, das últimas operacións bendicidas polo Goberno Feijóo (copia do ocorrido en Caixa Madrid con Rato, o candidato de Esperanza, e é que a dereita onde hai pasta ¡a matar!) senón da longa traxectoria duns altos empregados que arruinaron unha institución, sen ánimo de lucro, destinada a mellorar a vida dos cidadáns menos favorecidos.
E é que seguen "mexando por nos".


O Goberno de Feijóo deixa sen cobertura sanitaria a parados de longa duración...

Ningún comentario: