venres, 23 de decembro de 2011

O XUÍZO DOS TRAXES


A tenor das informacións, Valencia parece unha inmensa cloaca e todo indica que uns dirixentes irresponsables deixaron a aquela comunidade en estado deplorable. O chamado "o xuízo dos traxes" que agora senta no banco ao ex presidente da Generalitat, é a punta do iceberg do soado caso Gürtel que debe ser esclarecido ata o final para erradicar da vida pública comportamentos indignos.
Agora ben, ese xuízo parece unha farsa de monicreque se se compara con outras corrupcións e cifras. Digo isto porque mentres o xuízo dos traxes, que custa ao contribuínte medio millón de euros "para dilucidar se houbo un trinque de 14.000 euros", ocupaba grandes espazos en xornais de difusión nacional -ata chegou a abrir algún telexornal-, os mesmos medios de comunicación relegaban a páxinas interiores a noticia de que a Caixa de Aforros do Mediterráneo, entidade financeira daquela comunidade "vendida" o pasado día 7 ao Banco de Sabadell polo prezo dun euro, arroxa unhas perdas de 17.000 millóns de euros, o triplo do estimado polo Banco de España.
Nesta caixa si que se produciu a "confluencia astral" dunha xestión nefasta por parte dos seus dirixentes, consentida polos órganos de goberno politizados, e a desidia do Banco de España e da Generalitat Valenciana que tiñan a obrigación de supervisar aquela xestión para evitar os desenfreos que a levaron á quebra e causaron a maior operación de rescate do sistema financeiro español.
Calquera cidadán pregúntase como é posible que se organice unha especie de circo xudicial e mediático ao redor duns traxes valorados nunhas "calderillas" de 14.000 euros e a xustiza non sente no banco aos responsables -da caixa, do Banco de España e da Generalitat- dun desfalco de 17.000 millóns de euros, malversación de diñeiro a espuertas que, para facernos unha idea da súa magnitude, representa o 1,2 por cento do PIB español e preto da metade do que se gasta o Estado en prestacións por desemprego.
Na CAM houbo, por dicilo de xeito suave, mala xestión e un evidente abandono de funcións que entraña máis gravidade que aceptar o agasallo duns traxes. Hai responsabilidades administrativas manifestas e a Fiscalía debería investigar se, ademais, houbo delitos penais por acción ou por omisión.
Que neste país non caia todo o peso da lei sobre os responsables da quebra e o saqueo da cuarta entidade financeira revela que a sociedade está enferma e que a nosa democracia é de pouca calidade.

Ningún comentario: