venres, 13 de xaneiro de 2012

O REINADO DA BANCA

A banca europea recibiu estes días máis de 400 mil millóns de euros, socializando deste xeito perdas, por enésima vez, e ao mesmo tempo amosando que o BCE ten unha dobre vara de medir, xa que todo son restricións cando se trata de axudar aos estados da periferia da Unión Europea. Nun caso fortalécese o gran capital, no outro prémese para rebaixar salarios, endurecer as condicións laborais, así como rebaixar servizos e prestacións públicas. É difícil amosar con maior claridade onde están as prioridades dos dirixentes da Unión.
A xustificación destas inmensas achegas é dar liquidez ás entidades financeiras para que poidan prestar ás pequenas e medianas empresas e máis ás familias, rematando deste xeito coa falta de recursos que afoga a economía. En anteriores oportunidades por idéntico motivo concedéronse prestamos (ao 1%) que despois foron utilizados para investir en débeda soberana (con xuros do 5% ou máis) ou empregados na especulación financeira. ¿Por que neste caso non ía ser máis unha vez deste xeito?...  O razoable é que esta morea de cartos servira para o control público destas entidades, garantindo un emprego axeitado dos recursos, cortando polo san coa especulación, a cobiza e a mala xestión do sistema bancario.
Que unha vez máis tantos cartos non serviron para nada resulta evidente, e mesmo agravouse a situación. Dáse a paradoxa de que os bancos depositaron no BCE en dous días 452 mil millóns de euros, en busca da seguridade da máxima institución financeira da UE, malia que os xuros que ofrece son do 0,25%.
Que sexa deste xeito reflicte a falta de confianza tanto na economía da zona euro como no propio futuro da moeda. Trátase dunha actuación contraditoria co discurso dominante, no que Bruxelas dá por encamiñada a saída da crise con medidas erradas de austeridade e dureza laboral.

Ningún comentario: