sábado, 21 de xaneiro de 2012

O VICIO

Polo moito que se practica, roubar debe de ser unha actividade intimamente ligada á natureza humana. Polo moito que se incorre niso de facer propio o alleo este popular vicio aparece no ranking dos mandamentos de todas as igrexas. Por ser unha tendencia poderosa no ser humano sempre hai un momento na educación dunha criatura na que os pais deben ensinar ao fillo a devolver o subtraído e pedir perdón. Pero hai pais, nais ou adultos con idade de selo que, polo visto, non aprenderon a lección. En realidade, róubase moito máis do que se admite. Hai xente que razoa con moito salero que ata hai obxectos que están postos aí, como pedíndoche que os metas no bolso, e que o hotel, o restaurante ou o centro de traballo xa contan con iso, é máis, que teñen unha partida destinada ao que os usuarios afanan. Hai honrados españois que esquilmaron as escavacións arqueolóxicas do seu pobo. E que. Hai moito patriota que defrauda a Facenda. E, por suposto, houbo nestes anos moitos que malgastaron o diñeiro público e metéronse unha porcentaxe no peto. Por unha simple razón, porque era fácil e facíao todo o mundo, como din que dixo o soado duque no seu descargo.
Hai momentos históricos que animan esa cobiza. En canto ao que foi a cultura reinante, a do pelotazo intoxicou todas as artes humanas. Pero algún ensino poderase extraer de todo isto. Négome a que o desastre sexa estéril. Sabemos xa, por exemplo, que os políticos non poden actuar sen un severo control dos técnicos da Administración. Convencéronnos de que o democrático era que a clase política exercese todo o poder económico, sen impertinentes funcionarios metendo os narices nas súas contas. Pero o autocontrol non funcionou. E está claro que non se lles pode deixar sos. Elvira Lindo

Ningún comentario: