venres, 2 de marzo de 2012

SANIDADE EN CAÍDA LIBRE

Axustes, recortes e fórmulas privatizadoras están deteriorando os servizos públicos de saúde
A asistencia sanitaria pública está caendo nun estado de deterioración no que aínda non tocou fondo. A Organización Médica Colexial rompeu a súa tradicional discreción para dar a voz de alarma sobre unha situación crítica que prexudica, segundo as súas propias palabras, a "os máis pobres, débiles, anciáns, desfavorecidos e indefensos". Pese ao aumento da presión asistencial, en só dous anos reduciuse un 10% o gasto per capita. As consecuencias de tales recortes son preocupantes: escaseza de material básico como mantas, vendas e gasas, listas de espera en aumento, peche de quirófanos, desvío de enfermos con capacidade adquisitiva a centros privados, reducións de persoal e malestar entre o persoal sanitario.
A calidade asistencial corre o risco de quedar erosionada ata límites ata hai pouco insospeitados para un sistema ben valorado pola súa universalidade e a súa eficiencia, responsable, entre outros, de que España se sitúe entre os primeiros países do mundo en índice de desenvolvemento humano. A ameaza dos laboratorios de esixir o pago en man aos hospitais é unha boa proba do perigo que axexa ao sistema. Farmaindustria, a patronal do sector en España, calcula que os impagados en medicamentos suman xa 8.300 millóns de euros. Os centros públicos tardan unha media de 525 días en pagar as subministracións de fármacos. Os farmacéuticos de distintas comunidades levan meses protestando pola tardanza da Seguridade Social en pagarlles os medicamentos que dispensan.
Se é inevitable meter a tesoira na sanidade pública, pedra angular do Estado de benestar, como parece o caso ante a grave situación das finanzas públicas, os seus xestores teñen a obrigación de ser extremadamente escrupulosos e explorar vías de axuste que non repercutan na calidade do servizo. Algunhas delas están sobre a mesa, aínda que se aplican cunha exasperante lentitude, como o maior uso de medicamentos xenéricos ou establecer unha central de compras.
Outros datos indican que se está optando por unha estratexia que agrava a deterioración da prestación. O máis inquietante é a defensa polo Partido Popular da xestión privada por considerala máis eficiente para ofrecer un servizo que, di, segue sendo público por gratuíto. Unha mostra das consecuencias de tal axioma é o inaceptable caso -investigado pola Generalitat catalá só tras a denuncia da prensa- do hospital da Seu d´Urgell, cuxas instalacións usan os facultativos para atender polas tardes aos seus pacientes privados ou aos desviados da colapsada atención pública. Outra mostra é o avance dos fondos de capital risco como xestores de centros públicos de saúde. Eses fondos, que forman un oligopolio en España, teñen un único cliente -o servizo público de saúde- e beneficios dos que non parece que estean sacando proveito nin o cidadán nin as arcas públicas.

Ningún comentario: