luns, 30 de abril de 2012

ESPAÑA XA ESTÁ EN RECESIÓN

O Banco de España xa confirmou que a economía española entrou en recesión logo de producirse unha caída do PIB por segundo trimestre consecutivo.
Esta segunda recesión chega logo de catro meses de goberno do Partido Popular que adoptou unhas medidas que se nos vendían como imprescindibles para saír da crise: unha reforma laboral brutal que rompe o equilibrio en relaciónelas empresario-traballador, unha baixada das pensións de facto ao conxelar as mesmas, uns recortes en sanidade e educación que dinamitan o Estado de Benestar, uns recortes en I+D+i que nos afastan dos nosos competidores e dun modelo produtivo que achegue valor engadido á nosa economía, unha subida de impostos ás rendas do traballo que deixan en mellor situación se cabe ás grandes fortunas, unha amnistía fiscal indecente e inxustificada que convalida o delito fiscal e un mantemento dos privilexios da Igrexa católica igual de indecentes e inxustificados.
O efecto que están tendo todas esas medidas é o contrario do esperado, como xa denunciaron e seguen denunciando algúns grandes economistas (recomendo a lectura do suicidio económico de Europa Paul Krugman, publicado no diario o PAIS o día 22 de abril) ao apostar todo á consolidación fiscal salvaxe e non introducir medidas de crecemento que favorezan a creación de emprego e rompan o círculo vicioso no que se atopa a nosa economía.
Non acabo de entender que tipo de cegueira impide a visión de algo tan evidente ata aos ollos dos menos coñecedores dos complexos mecanismos da macro economía ¿ou quizais non están tan cegos e queren levarnos a un abismo tan profundo que lles permita eliminar todos os nosos dereitos? F.M.M.G 

Ningún comentario: