domingo, 22 de abril de 2012

A REBELIÓN MUNICIPAL

A presidenta da Comunidade de Madrid propuxo a semana pasada baleirar as autonomías e devolver ao Estado competencias en sanidade, educación e xustiza, proposta que pode ser politicamente incorrecta, pero reabre unha reflexión necesaria sobre a racionalización do gasto das administracións para garantir a sustentabilidade do sistema.
Aquí somos máis modestos e, de momento, en lugar de propor devolver competencias, estamos na etapa da fusión de concellos que o presidente Xunta anunciou no debate do estado da autonomía, quizá coa esperanza de que detrás de Oza dos Ríos e Cesuras iríanse sucedendo alianzas entre outros pequenos concellos.
Pero en Galicia o localismo goza de boa saúde. Por iso as proclamas matrimoniais de Oza e Cesuras produciron o efecto contrario nun número relevante de alcaldes populares que, invocando "a identidade cultural propia", rexeitan a fusión das súas pedanías.
Sen dúbida, o presidente da Xunta ten un problema coa resistencia dos alcaldes rebeldes, pero queda curto cando lles di que "se as fusións non as facemos nós, se cadra as fan outros desde fóra".
O xoves pasado chegou a Madrid unha misión da Comisión Europea para analizar os nosos desequilibrios económicos e elaborar un informe para a mesma Comisión que pode acabar formulando "recomendacións", paradoxalmente de obrigado cumprimento, en forma de novas medidas e axustes. Que ninguén descarte que esa Europa, os mercados e a propia estrutura municipal insostible -os bancos é o último exemplo-, acaben impondo as fusións como primeira medida de "ordenación do territorio" para ser máis eficientes na prestación de servizos ao cidadán.
Se os alcaldes rebeldes mirasen a Grecia e Italia estarían encargando estudos e informes para que a fusión dos seus concellos non lles sorprenda e resulte atractiva para as súas poboacións cando sexa imposta.
Tamén cabe a posibilidade que a mesma Comisión Europea, en liña coa presidenta Aguirre, "recomende" adelgazar as estruturas autonómicas -consellos de contas, consellos sociais, defensores do pobo e outros organismos- para facer viable o modelo de Estado e equilibrar as contas públicas sen necesidade de seguir asfixiando aos cidadáns con tantos impostos e recortes en servizos básicos. Pero xa verán como os gobernos non recortan por aí.

Ningún comentario: