sábado, 19 de maio de 2012

A BANCA SEMPRE GAÑA

Se a tenda do barrio vese en problema, bota a trapa e punto. Se é unha gran empresa, ponse á cola onde se solicitan "ERES" e a outra cosa bolboreta. Se é un banco, aí están os políticos chegando coa mesma rapidez e estropicio que a sétima flota.
Non fará falta espremer o cerebro para recordar, por exemplo, que a Caixa de Aforros de Madrid (aí nace Bankia) era a leira do PP (Esperanza, Rato, Rajoy, Aznar) como o era a caixa de Valencia e así, ata facer un percorrido por todo o club do diñeiro que manda en España, incluída Galicia, onde o PP quixo meter man e meteu a pata coa fusión...
E sempre gañan eles: cos seus retiros de ouro, os seus soldos de platino e as súas mentiras de chumbo (Bankia, dixo Rato recentemente dimitido/expulsado, está que se sae) ou os seus roubos sen pistolas: o crédito a Martins, o chalé-palacio en Miami para os conselleiros, etc.
Talvez sexa bo recordar que un banco págache un "2%" polo diñeiro que che garda e cobra o dobre, triplo, polo mesmo se o presta e executan con man firme demoras, números vermellos, falta de pagamentos... demais cobran por coidarche a conta, por darche a tarxeta (a ti e ao tendeiro).
Resumindo: non poden xerar perdas (cobran por todo e pagan mal a súa materia prima) salvo que sexan uns ignorantes, metido man na caixa ou beneficiado ás seus máis próximos sen criterio comercial...
Por iso, cando vostede pague este ano á señora Facenda non está colaborando coa educación, a sanidade ou a xustiza. Non entrega parte do diñeiro para apoiar a lei de dependencia, minorar os sufrimentos dos que non teñen nada... senón rescatando a Bankia, á banca.
E iso non lles pode saír gratis aos bancarios ignorantes, aos que arriscaron o diñeiro doutros prestándollo aos seus amigos ou financiando obras imposibles ou postos dos seus colegas...
Eses teñen que responder polos seus desmáns e, con eles, o gobernador do Banco de España, os políticos que lles apadriñaron e a nai que os...
Sobre todo, e polas súas santas nais, que non nos mintan: Rajoy dixo que "non había un euro" e de aí os recortes que padecemos.

Pero hai millóns para a banca.

Malditos tramposos...

Ningún comentario: