venres, 4 de maio de 2012

NON RESISTIMOS MÁIS

Resistirei foi o himno dos descontentos ante as primeiras medidas da dereita gobernante. Resistiremos, diciamos cada vez máis cidadáns, como resposta ás primeiras agresións ao Estado de Benestar.
Hai que resistir, repetiamos na rúa, ante as agresións á nosa dignidade, unha vez voltos do revés os nosos petos.
E, de verdade, non resistimos máis e é que é moito o padecido: unha reforma laboral que beneficia á patronal, a reforma financeira que se basea en sanear ao capital e unha política social que, por exemplo, reduce as bolsas, recorta os servizos básicos e agranda a diferenza entre os ricos, ía escribir depredadores, e o resto.
Ademais, e aínda por riba, insultan ao cidadán: ten vostede almacenados os medicamentos na súa casa; vive vostede por encima das súas posibilidades; non podemos permitirnos a dependencia, a gratuidade dos medicamentos ou as próteses e, ademais, moléstanos que se manifeste na rúa -de forma activa, pasiva ou mediopensionista-, que proteste co moito que lle queremos.
E agora, afundidos, sen esperanza. Coa auga ao pescozo e o medo no corpo, unha -outra- mala nova: subirán o IVE o ano que vén, ou este mesmo ano.
E por agradar a Europa. ¡Recordan cando estes dicían que ¿o anterior goberno estaba intervido?, pois actuaba con mando a distancia.
Agora a política marianista actúa de mamporrero da señora Merkel, mentres o resto de Europa fai unha fronte común para frear á dama alemá.
E anuncian máis privatizacións: as que sexan atractivas para a iniciativa privada. ¡A mesma historia de sempre! Telefónica, Repsol: as xoias da coroa vendidas aos amigos da alma, que xa empezou esa cruzada o insufrible hombrecillo que puña os pés no despacho de Bush e todo o demais aos pés do ianqui que alumou a mentira masiva de Irán.
Non. Non resistimos máis. Por iso, e tal como eles propón na reforma laboral, se non funcionan e a empresa (España) vai a peor (non haberá que demostralo ¿verdade?) á rúa e sen indemnización. É pola nosa supervivencia. Así que ¡á rúa para que se decaten! J.M.V.

Ningún comentario: