venres, 22 de xuño de 2012

AS IDEOLOXÍAS EN EUROPA

En contra do que moitos opinan, que as ideas e as ideoloxías morreron ou están a piques de fenecer, certamente seguen moi activas e esa vitalidade reflíctese na loita e nun papel protagónico no actual debate en Europa. Esa pendencia, en moitas ocasións moi pouco saudable, maniféstase, igualmente, na raíz dos conflitos, na discusión parlamentaria e nos enfrontamentos económicos, sociais, laborais, culturais e, por suposto, no terreo político, na estancia dos grupos do poder e en todos os ámbitos e actividades nos que se move ou interactúa o cidadán.
Salta á vista que moitas desas ideoloxías continúan parapetadas nos seus programas para gobernar o mundo, que adoecen de deficiencias graves e preocupantes nos terreos do diálogo e nos consensos democráticos, posto que permanecen cinguidas nos seus propios obxectivos, inmunes nos seus bastións ortodoxos.
Basta con ver o mesmo río revolto de sempre ou a cerrazón e a inoperancia da propia UE, dunha Europa que, incapaz de traspasar as barreiras dos seus intereses nacionais, non acha o camiño dunha estabilidade máis firme nin aspira, seriamente, a unha efectiva unión continental.
Os roles e obxectivos das ideoloxías permanecen vivos e coleando, non hai máis que oír os debates, con observar a actual involución xeral, con advertir o papel dalgunhas correntes de pensamento e como inflúen nos contextos culturais, con percibir a influencia violenta do neoliberalismo, as tendencias ultraconservadoras, férreas e intocables nos seus redutos de dominación, e os estilos fundamentalistas vixentes, con contemplar o predominio do capitalismo antropófago, ata nas sociedades avanzadas desde o punto de vista dos dereitos laborais e as conquistas sindicais. Basta con ver a voracidade dos especuladores e da propia banca, con ver as raíces e os móbiles da presente corrupción, con ver o fame que arrasa de novo na mesma xeografía da miseria, con ver as inxustizas sociais na nosa propia casa. Basta con ver a eterna repartición do mundo entre os poderosos e a liquidación progresiva do Estado de Dereito, en pos dun mercado infestado de opacidades, ameazas e fisionomías ocultas.

Ningún comentario: