sábado, 18 de agosto de 2012

A DESTRUCIÓN DE GALICIA

De súpeto, a xente descubriu que todo un exército de asesores auxiliaba aos nosos políticos, un exército ben pagado, un exército do que nin se procuraba falar, como se se quixese mantelo agachado. Descubriuse o que xa se sospeitaba, pero certo que non en toda a súa entidade.
A primeira pregunta que a un se lle ocorre, sen chegar a ser moi mal intencionado, é que pasa para que os nosos políticos teñan necesidade dese verdadeiro exército de mercenarios. ¿Tantas son as súas carencias, as súas incapacidades, a súa inexperiencia? Pois se así é, un ten que preguntarse tamén se elixiu tan mal para que tan caro nos saia.
A xente pregúntase, non sen abraio, qué coherencia política e práctica pode haber entre manter eses dispendios tan esaxerados, como o dos asesores, e rabenar gastos esenciais para hoxe e para o futuro, como sanidade ou educación, entre outros, ou aínda, sen xustificación coñecida ou explicada, o número de deputados no Parlamento.
Sumado a unha Lei de Costas que acabará co noso litoral, como se non estivese xa ben destruído, á paranoia -herdada pero mantida- do Gaiás, á vergoñenta política lingüística, á ausencia dunha medida -unha sequera- que tenda á transformación posible do noso medio rural, lévanos a pensar se a destrución do país é a verdadeira, e única, política do actual Goberno galego.
Porque un non pode senón preguntarse se esta política de destrución masiva do país non se está facendo adrede, o que podería explicar a contratación de tanto asesor, pois, para gobernar o país, e facelo ben, só cómpre un pouco de sentido común, un ben escaso, maiormente entre políticos. ¿Coñece alguén outra maneira máis eficaz de rebaixar a nosa autonomía e de destruír o país? Todo un éxito do nosos gobernantes.

Ningún comentario: