venres, 17 de agosto de 2012

PP-PSOE: O MESMO PROBLEMA

O fracaso do actual modelo institucional español é o fracaso da súa colonización pola burocracia bipartidista PP-PSOE. Un modelo que xurdiu con forza das eleccións de 1982, aproveitando o afundimento da UCD e do PCE e abeirándose nun inxusto sistema D´Hondt que beneficia aos gañadores relativos e, en máis reducida medida, ás segundas forzas. Mais este plus de representatividade institucional converteuse en quasemonopolio institucional a partires da xeralización do “café para todos” autonómico, do mantemento das Deputacións como contrapeso aos novos poderes territoriais e da vergoñenta colonización, mesmo parasitaria, de institucións que haberían ser independentes: Tribunal Constitucional, Consello do Poder Xudicial, Tribunal de Contas…
O asalto ás institucions da burocracia dos dous grandes partidos desenvolveuse a carón dunha estricta xerarquia partitocratica. Dende primeiros dos 80, PP e PSOE priorizan a obediencia ao xefe sobre calquera cualidade profesional, academica ou política dos seus militantes. Velai o resultado: persoas sen perfil nin curricula social ou profesional parasitan nas estruturas institucionais sen que nunca estean dispostos a se retirar á sua carreira ou posto civil, pois que moitos deles non o teñen. Esta casta de persoas fará o preciso para continuar na sua carreira de políticos profesionais co PP e co PSOE, que lles garanten unha continuidade e ulterior xubilacións cómodas, sempre que amosen non pensar por si propios, como si fixeron persoas como o ex ministro Pimentel.
E velai o resultado: listas pechadas, sistema D-Hondt, limites cuantitativos do 5% que xeran resultados moi pouco proporcionais, candidatos que non se escollen en primarias ou éstas desenvólvense excluíndo á cidadanía.
A gravísima recesión actual manifestou, tamén, o esgotamento do modelo institucional español da transición: o emperador vai espido. X.A.P.L.

Ningún comentario: