xoves, 30 de agosto de 2012

O CHIVATO

En pouco tempo, algo máis de medio ano, este país se está a parecer cada vez máis á lúgubre e miserable España de postguerra. E non só pola desapiadada crise económica, senón pola funesta paisaxe ideolóxica e moral que estes señores que nos gobernan están a reinstaurar. Os remedios á crise revelaron xa a súa perversidade ideolóxica ao cebarse descaradamente nos sectores máis desfavorecidos e débiles do país (anciáns, enfermos crónicos, ensino, sanidade, cultura, subsidios de desemprego...) sen despeitear os tupésd de clases máis adiñeiradas nin tocar as SICAVS. Pero, á marxe de tales impías medidas, as reformas morais que algunhas administracións institucionais están a impulsar son dignas dos tempos franquistas deixándose levar por un afán implacable para inducir a poboación á práctica dun vicio moral realmente vergonzoso: a denuncia.
Os nosos políticos deberían recordar a cantidade de fusilamentos e de encarceramentos que ocasionaron as denuncias particulares non só durante a guerra civil senón tamén durante a longa posguerra española. Quizais guiados por tan macabros recordos, os nosos maiores ensináronnos aos que fomos nenos nos anos cincuenta e sesenta o feo que era acusar o compañeiro de pupitre. Na nosa infancia, o sambenito de "acusica" ou de "acusón" pesaba como unha tara no ánimo infantil. E os mestres de entón, que ademais de ensinar matemáticas e outras materias ensinaban a comportarse decentemente, afeaban duramente o acusón. Tamén nos ensinaban a ler bos libros e afeccionarse ao bo cine, porque a cultura era considerada un ben enriquecedor. E de aí que quen aínda lean e vaian ver bo cine, e lesen a Milan Kundura ou visen films realizados por directores do leste europeo, como por exemplo 'La vida dos outros', saben que asasinas poden chegar a ser as denuncias anónimas, cantas mortes, encarceramentos e ostracismos poden chegar a provocar.
Evidentemente, e polo momento, as denuncias a que as nosas autoridades nos alentan non ocasionan aínda tanta desdicha. Denunciar a quen fume en lugares onde está prohibido; denunciar -mediante simple chamada por móbil- a quen nos pareza que non garda as debidas formas viaxando nos Ferrocarrís da Generalitat de Cataluña (fumar, viaxar sen tícket, ou quen sabe que xestos susceptibles de suscitar sospeitas); denunciar a mulleres que se gañan a vida a cambio de servizos sexuais na vías públicas de Barcelona, Madrid, Valladolid e outras cidades españolas como Coslada ou Alcalá de Henares ou polas estradas xerundenses; denunciar a mendigos que piden esmola nalgúns lugares da Península, non levará a ninguén ao cárcere... Ben, suponse, porque cabe preguntarse como se paga a multa de 750 euros estipulada para os mendigos de Valladolid ou que acontece cunha prostituta multada con entre 750 e 3.000 euros durante as súas funcións.
Sería un bonito traballo de historia. E unha alegación contra o perigo de converter o cidadán en denunciante anónimo, en policía sen soldo

Ningún comentario: