venres, 31 de agosto de 2012

ADIANTO EN GALICIA

Rajoy quere evitar que as eleccións galegas se vexan contaminadas por un posible rescate.
O adianto das eleccións galegas para que o 21 de outubro coincidan coas vascas responde á necesidade do presidente Mariano Rajoy de resolver canto antes unha contenda electoral que, de alongarse ata o próximo ano, podería verse contaminada polas posibles medidas de axuste que esixiría, de producirse, un rescate da economía española. Dende este punto de vista, é unha decisión lexítima. Se os augurios dun outono quente, no político e no económico, se confirman, ningún partido no poder faría algo distinto. Supón, iso si, un contratempo para determinados plans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre eles a polémica reforma electoral coa que pretendía garantir a súa reelección. O obxectivo de Feijóo era reducir o número de escanos no Parlamento galego pola vía de minguar a representación das zonas urbanas, alí onde o PP sofre un servero retroceso en todas as sondaxes. Agora, sen prazo para iso, deberá empregarse a fondo para seguir no poder.
As eleccións galegas teñen sempre unha indiscutible lectura nacional. As de catro anos atrás, gañadas polo PP, salvaron a Rajoy dos que dende o seu propio partido dubidaban de que fose o candidato idóneo para as xerais de 2011. Os comicios do 21-0 serán a segunda cita coas urnas do PP dende a vitoria de líder popular. A primeira, en Andalucía, resultou un fracaso. Naquela ocasión, o Goberno atrasou os Presupostos para evitar desgastar o seu candidato, Javier Arenas. Non serviu de nada. Esta vez non caben xogos dese tipo. Os tempos, ademais, dependen tamén de Bruxelas e de Berlín. De aí a présa de Rajoy. Un exemplo: calquera rebaixa nas pensións por esixencia da Unión Europea podería ter un efecto desvastador entre o electorado de Galicia, unha comunidade cunha poboación máis envellecida que a media española.
O presidente da Xunta elixiu o momento menos malo para os seus intereses. Aínda que algunhas enquisas o poñen ao fío de perder a maioría absoluta, con este adianto electoral sorprende a oposición co paso cambiado. Os socialistas galegos, en clara crise de liderado, pensaban dispoñer do tempo suficiente para elixir o seu candidato nunhas primarias. Agora será o comité nacional do PSdG quen designará a Pachi Vázquez o sábado próximo. O Bloque, pola súa banda, sufriu dúas escisións. Mentres, Esquerda Unida crece e UPyD non consegue afianzarse en Galicia. En todo caso, como no conxunto de España, é previsible unha maior fragmentación do voto, o que dificultará a formación dun goberno se Feijóo perde a maioría absoluta. Fronte ao PP hai unha esquerda atomizada. E esta é a mellor baza para Feijóo. Gañe quén gañe, terá que xestionar axustes duros, especialmente en materias como Sanidade e Educación. Unha tarefa que requirirá políticos capaces. As urnas terán a palabra.

Ningún comentario: