sábado, 8 de setembro de 2012

A CAIDA LIBRE DO CONSUMO DOS FOGARES

A imparable caída do consumo privado en España constitúe, xunto ao desemprego que leva da man, un dos síntomas máis palpable e dramático dos efectos da crise. Os últimos datos sobre contabilidade nacional publicados polo INE revisan á baixa o descenso do gasto dos fogares en 2011 -que foi dun -1% en lugar do -0,1% estimado en febreiro- e confirman o estado comatoso en que se encontra o comercio interior. A ese dato negativo hai que sumar outro que non o é menos. Os datos do INE revelan que o recorte do gasto nas Administracións públicas realizado en 2011 foi menor do previsto e se limitou a un -0,5% en lugar do -2,2% calculado inicialmente. Ambas as dúas revisións obrigaron a recortar a cifra oficial de crecemento da economía española o pasado ano dende un 0,7% do PIB a un 0,4%.
O derrubamento sen precedentes do consumo interior é a consecuencia lóxica, aínda que tremendamente daniña para o conxunto da economía, da difícil situación que viven hoxe moitas familias e do temor que se sente ante un futuro cada vez máis incerto nunha maioría dos fogares. A espiral de destrución do emprego non só afecta ao consumo de quen perderon o seu posto de traballo, senón que exerce de elemento disuasorio para os que aínda o conservan. Conscientes dun proceso de axuste que aínda non tocou chan, as familias eliminan o superfluo e reducen os seus gastos ao imprescindible. Malia que iso supoña un comportamento prudente dende a óptica da economía doméstica, tamén constitúe unha soga cada vez máis estreita sobre o conxunto do tráfico económico. O efecto sobre o consumo dese medo ao futuro verase ademais agravado pola entrada en vigor da suba do IVE, e polo feito de que en España segue sen levarse a cabo a obrigada depreciación de prezos esperable nunha situación tan crítica como a actual. É o caso, por exemplo, do sector hoteleiro, parte do cal sostén que a caída de tarifas tocou chan e, en menor medida, mesmo que chegou o momento de elevalas.
A outra cara da moeda da mala saúde económica española é a constatación de que as previsións de control de gasto no sector público se incumpriron amplamente o ano pasado. Unha circunstancia inadmisible, dadas as esixencias de equilibrio presupostario que comprometían entón e comprometen agora a España de forma ineludible. Os duros axustes que o país soporta actualmente veñen en boa medida duns deberes que en moitas ocasións se fixeron mal e tarde. O necesario recorte de gasto nas Administracións públicas -especialmente nas autonómicas e municipais- é un dos exemplos máis flagrantes diso.

Ningún comentario: