xoves, 6 de setembro de 2012

A SANIDADE E OS INMIGRANTES SEN PAPEIS

¿Son conscientes os responsables do Ministerio de Sanidade das consecuencias que para a Saúde Pública terá a falta de control sanitario dun número importante de persoas, como é o colectivo de inmigrantes irregulares? ¿Coñecen os responsables do Ministerio de Sanidade que moitos destes inmigrantes están a ser xa tratados e controlados regularmente por padecer procesos graves e que negarlles a asistencia sanitaria programada pode determinar un agravamento moi serio das súas enfermidades e mesmo producir a súa morte?
¿Reflexionaron os responsables do Ministerio de Sanidade sobre as consecuencias que para o funcionamento das nosas Institucións Sanitarias terá esta medida?
¿Que acontecerá cando unha persoa deste colectivo acuda a Urxencias hospitalarias e se determine teña que quedar ingresado e á alta sexa obrigado efectuar controis e tratamentos periódicos?
¿É consciente o Goberno que por máis que intente facer invisibles dende o punto de vista sanitario a estas persoas, iso é imposible?
Parece que ninguén no Goberno reflexionou sobre estas e outras cuestións; é posible tamén que si se tivesen en conta estas situacións, pero decidise continuar cunha política depredadora dos dereitos; o anuncio que se realizou nos últimos días explicando que os inmigrantes irregulares poderían ter asistencia previa subscrición dun seguro coa Administración sanitaria, desembolsando unhas cantidades superiores mesmo ás que esixen as aseguradoras privadas, é unha proba máis da improvisación que presidiu todas as actuacións dos responsables sanitarios; as recentes declaracións do Director Xeral Sr. Rivero corroboran o anterior pois denotan unha falta de coñecementos impropia do cargo que ocupa. Parece que á decidida vontade do Goberno de restrinxir dereitos e recortar prestacións se une unha manifesta ineptitude dos seus responsables sanitarios.
A realidade é que os inmigrantes sen papeis están aquí, en moitos casos levan anos no noso país, algúns traballan na economía mergullada e necesitan asistencia sanitaria; se esta se lles nega e se dificulta os profesionais exercer o seu labor, con toda seguridade se producirán problemas graves de saúde, non só para o colectivo inmigrante (aumentará a morbimortalidade) senón tamén para toda a comunidade.
Sería bo que o Goberno rectificase, renunciase ao seu absurdo empeño en eliminar a condición de universalidade que o noso sistema sanitario público ten, esforzásese en conseguir unha xestión máis eficiente do sistema como garantía da súa sostibilidade e non tivese que asumir a responsabilidade das graves consecuencias que se van derivar da non prestación de asistencia aos inmigrantes sen papeis.  
CARLOS BARRA GALÁN: Son médico especialista do Sistema Nacional de Saúde e seguirei atendendo a toda persoa que demande os meus servizos por un problema de saúde, obviamente tamén aos inmigrantes "sen papeis "; a miña postura non obedece a outra motivación que ao estrito cumprimento do Código Deontolóxico que a miña profesión esixe e que ningún gobernante ten a capacidade de violentar.

Ningún comentario: