domingo, 2 de setembro de 2012

"CAPITALISMO, CANIBALISMO"

Por que o chaman capitalismo cando é canibalismo puro e duro. Comémonos uns a outros sen solución de continuidade como solución á nosa permanencia, valla a rebundundancia, que diría Martes e Trece.
A competencia éo todo no mercado, pero pode levarnos á nada. Queixámonos dos recortes que veñen do Estado, pero son peores aínda os que impón o consumidor privado no seu tráfico comercial habitual. De seguir así, non nos fará falta ninguén para escravizarnos. Escravízannos e escravizamos para escravizar.
Nós sós valerémonos. Por conseguir un traballo, por arrebatar un cliente chegaremos a ofrecer os nosos servizos gratis, se tal cousa non acontece xa. Esta espiral do aforro vai camiño de converterse nunha busca desmedida do custo cero e como toda busca á desesperada, xa cabe imaxinar que camiño levará. Rematará, paréceme, como a do beneficio desorbitado, rebentando. Todo depende do grao de desespero do persoal.
Un rebaixa a oferta, outro a mellora aínda máis e o cliente séntese seguro no seu papel de hostigador dende o mostrador. Todo lle sorrí. Na adquisición de calquera ben ou na contratación dun servizo míranse prezos, e está ben que así se faga, pero home, sen abusar. O prezo éo todo; o de menos, o contido. É entendible ata certo punto, pois as economías domésticas dan para o que dan e a medida que reciben menos tratan de aforrar máis.
Pero se todos entramos nesta tola carreira de reducir ao máximo, non nos queixemos entón dos recortes que fai o goberno, por máis que este sexa o principal culpable. Que facer entón. Non o sei, pero apertar o colo do veciño nunca foi o mellor remedio para evitar a asfixia propia. Outra cousa é que se trate de que perezamos todos, sen posibilidade de salvación para ninguén, nin sequera daqueles que poderían facer algo por salvar o resto. DOREMA

Ningún comentario: