sábado, 1 de setembro de 2012

FEIJOO DESPRESTIXIA O AUTOGOBERNO

Estamos á espera de do que se decida en instancias superiores. Cando iso aconteza, a mazada vai ser, outra vez, de órdago. Poden facer apostas acerca de canto nos teremos empobrecido ao final de todo isto, se é que todo isto -saquear os pobres para rescatar os ricos- ten un final. Mentres tanto, os camarotes de Xénova cada vez vanse ver máis atestados de almas en pena, algunhas con mando en praza, pero xa aflixidas pola quebra que lles vai inflixir o anunciado rescate europeo. Hai só un ano o PP podía aspirar a substituír o PSOE como o partido que articula España. Hoxe os vellos timbais soan entre ruínas: as do Estado de Benestar español. Unha vez máis, a dereita vai quedar no imaxinario colectivo se non como causante da catástrofe, polo menos como liquidadora dunha época dourada que se vivirá con nostalxia cando a atmosfera estea menos enrarecida.
O PP estase a derrubar a ollos vista, como antes o fixo o PSOE. E as dúas cousas eran previsibles. A ambos os dous partidos custaralles Deus e axuda volver gañar un prestixio que, polas razóns que foxen, unhas xustas e outras non, dilapidaron. É certo que hai moita demagoxia na actual xenreira popular contra a partitocracia -talvez a mesma xente bicaba non hai moito a terra que pisaban. Pero non cabe dúbida de que nos encontramos ante unha crise sistémica. A práctica totalidade das institucións do Estado, dende o Rei ata o Tribunal Constitucional, pasando polos principais partidos, viven momentos aciagos que cabe prolónguense no tempo. Tamén é abafador o desprestixio das elites financeiras e empresariais. Non só do señor de Marsans. Os bancos e as construtoras, otrora buques insignia, son hoxe o hazmerreir e, sobre todo, o hazmellorar da xente. E xa non hai intelectuais cun papel de guía similares aos da xeración de Azaña e Ortega.
Pero en fin, cesemos nestas divagacións. Eu non sei se Feijóo vai perder as eleccións, pero creo que Feijóo si o pensa, ou o teme. A manobra de reducir deputados é cándida: véselle todo, como a certas señoritas. Tamén burda e grotesco, mesmo brutal. Unha vitoria con esas malas artes desprestixiaría non só o Goberno, senón a institución, a autonomía, que ha de estar por enriba desa mesquindade. Pero enténdese en Feijóo: ninguén fixo tanto como el por desprestixiar o autogoberno. A súa cabeza está organizada como a dun provinciano nato. Está resentido por non ser madrileño e capitalino, que é o que xustificaría os seus afáns. É inútil intentar explicalo que Madrid -enténdaseme: un acrónimo para referirse a certo complexo de elites económicas, financeiras, políticas e mediáticas- non paga traidores, como reza o vello adaxio romano. E que se alí quixese ser oído tería que afirmarse aquí dun xeito que é incomprensible para el, e para todos os que pensan como el.
Así que non podemos xustificar esa marrullería, pero podemos intentar comprendela. Á fin e ao cabo, de cesar como presidente Feijóo sería un home desafiuzado. Se é certo o que din non é querido aquí, no PP de Galicia. E o de Xénova, xa o dixemos, non vai dar grandes alegrías nun prazo previsible. De feito, sería moi natural que, máis pronto que tarde, deban producirse eleccións anticipadas que lle retirarían a maioría absoluta. En realidade, as próximas eleccións galegas poden ser unha avanzada da fragmentación do voto en España. Ademais de PP, PSdeG e BNG, outras forzas poden obter representación. En particular, se Esquerda Unida, a nova de Beiras e Compromiso unen forzas poderían condicionar o futuro goberno. Un goberno de PSdeG e BNG ou ben, non sería estraño, dun PP en minoría. Sería unha situación inédita en Galicia, pero non imposible. Claro que se esas tres opcións concorren por separado Feijóo podería reter a maioría absoluta. En tal caso, esas forzas terían mostrado que viven na lúa. 

2 comentarios:

Anónimo dixo...

Las elecciones anticipadas por razones sin justificación deberían estar reguladas por ley, y quien las convoca debería tener prohibido presentarse, porque el gasto extra sin justificación al final lo pagamos los ciudadanos. Feijoo se valió de múltiples mentiras para engañar a los gallegos, aún resuena la bravuconada esa de que en cien días arreglaba él todos los problemas de Galicia, cosa para la que no está capicitado ni aunque bajasen los extraterrestres y les regalase una fuente inagotable de energía, que vendería corriendo a sus amigos del alma. Ahora bien, si quieren que prueben, lo mismo le sale rana. Y sí, totalmente de acuerdo que este es un baremo perfecto para ponerse a temblar, porque si Rajoy quiere que se dé ese paso es que para finales de año todo más tardar tiene previsto fagotizarnos a base de bien, por eso más que nunca es necesaria la unión y la pedagogía de aquellos que no comulgamos con sus miserables planes, y que se articule una respuesta común, lógica y desde la izquierda verdadera.

UN GALEGO dixo...

Traballar é o que quere moita xente, Calvario. Por iso foron tantos os que lle votaron a Feijóo, quen dixo que eliminaba o paro en 45 días. Ese era o seu "contrato con Galicia". Un papel mollado. En canto ao de "moverse", pois xa hai tamén moita xente que se move. Desde os anos 60 non había tanta emigración. E agora os que marchan non son os rústicos, os analfabetos, os condenados da terra. Non, agora son os enxeñeiros, os máedicos, os licenciados, os artistas. Aquí só van quedar os vellos, os escravos e os badulaques, estes últimos a ver se pillan algo co seu Feijóo, co seu Baltar e con toda esta trapallada pepera.