luns, 24 de setembro de 2012

RECORTAR EN SAUDE

Segundo a OCDE, o gasto sanitario público en España é do 7% do noso PIB, similar ao de Eslovenia, moi lonxe do Reino Unido (8,2%), Alemaña (8,9%), Francia (9,2%) ou Dinamarca (9,8%).
O recorte no Sistema Nacional de Saúde leva consigo un paso atrás no esforzo secular de España de parecer un país desenvolvido. A sanidade universal e gratuíta fai un país próspero e garante aos seus cidadáns unha mellor saúde.
Se tivésemos que ter en conta o gasto total sanitario, tanto público como privado, todos os países da Unión Europea gastan máis que a nosa nación a excepción de Italia, Luxemburgo e Finlandia. Se agora somos os cuartos pola cola, o gabinete conservador de Rajoy levaranos a segunda división nun abrir e pechar de ollos.
As actividades asistenciais da sanidade pública española gozan dunha descentralización intensa que, ata agora, garantiu un mellor acceso do paciente á asistencia e á prevención. Dende a Lei Xeral de Sanidade de 1986 os esforzos foron considerables e os éxitos evidentes.
Porque que exista unha mellor, máis dotada e máis eficiente sanidade pública garante, non só a universalidade, senón que a sanidade privada teña que competir con esforzo e dedicación ofertando un produto ou servizo diferenciado. Todo ataque, pois, ao Sistema Nacional de Saúde, é un seria agresión á saúde de todos.
Para maior abundancia, a porcentaxe de sanidade pública sobre o total do gasto sanitario é en España do 74%, lonxe do 77% de Francia, o 84% do Reino Unido ou do 85% de Dinamarca. Todos elas nacións moi desenvolvidas que apenas discuten se a provisión ha de ser máis pública ou máis privada.
As decisións dun goberno conservador, dunha ministra incompetente, dun paradigma caduco tardoliberal, non só nos deixa sós fronte á enfermidade, senón que nos separa aínda máis de Europa.

Ningún comentario: