mércores, 31 de outubro de 2012

CORRUPCIÓNS

Ao final, se non fose polas corrupcións rampantes, seriamos ricos, ademais de pacifistas de corazón e antinacionalistas auténticos.
¿Por que, se ninguén fala ben dos nacionalismos, o mundo está cheo de nacionalidades? Quizais polas mesmas razóns polas que, detestando as armas, os españois nos gastamos 30.000 millóns de euros nun arsenal que segundo Constantino Méndez, secretario de Defensa con Zapatero, non imos usar. Esas armas, engadiu, están pensadas "para escenarios de confrontación que non existen e comprámolas cun diñeiro que non tiñamos entón nin temos agora". O máis probable é que ao tempo de facer estas declaracións estivese a asinar a adquisición de sete tanques e catro submarinos, todo a conta do contribuínte. Xa ven en que se nos foi o diñeiro que furtamos á educación. Fóisenos unha tarde na que alguén decidiu calmar a súa ansiedade e a dos seus comisionistas coa compra dunha partida de fusís que seguramente puxera á venda, ¡casualidade de casualidades!, un tal Morenés, actual ministro de Defensa. ¿É ou non é todo unha merda? Dentro de 20 anos, os nosos netos aínda estarán a pagar os intereses desa operación. E todo porque a un pacifista lle deu por armarse ata os dentes como aos antinacionalistas lles dá por crear nacionalidades. Outra cousa con moi mala fama é a política. Dis dunha folga que é política e xa a descualificaches. É o que fixo o ministro Wert coa de pais de alumnos. Non obstante, non o escoitamos aínda queixarse da politización das caixas, fonte de financiamento de toda clase de chourizos. Aí, nas caixas, hai outro burato de 30.000 millóns que tamén estamos apoquinando a escote. Xa van 60.000. E non incluímos Gürtel nin Nóos nin os Eres de Andalucía nin os campións de Galicia... Ao final, se non fose polas corrupcións rampantes, seriamos ricos, ademais de pacifistas de corazón e antinacionalistas auténticos. Juan José Millas

Ningún comentario: